•Miles de persoas secundaron a manifestación do 8 de outubro, convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública e a Xunta de Persoal do Hospital de Monforte






• Miles de persoas participaron o domingo 8 de outubro na manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte e a Xunta de Persoal do Hospital, para pedir a retirada do anteproxecto de Lei de Saúde de Galicia, que suporá a conversión da Área Sanitaria de Monforte en distrito dependente de Lugo.
A mobilización foi secundada por representantes de colectivos en defensa da sanidade pública procedentes de varios puntos de Galicia, así como por formacións sindicais e por representantes dos partidos políticos, agás o Partido Popular, tanto locais como autonómicos.
Ao día seguinte á mobilización, a portavoz do Partido Popular en Monforte, Julia Rodríguez, explicou en nota de prensa que o anteproxecto estivo exposto ao público no portal de transparencia da Xunta, «polo que as persoas convocantes da manifestación tiveron a oportunidade de facer as súas alegacións». Rodríguez salientou que o anteproxecto «ten moitas cousas boas para os pacientes e para os usuarios do hospital de Monforte». Por iso, demandará que a Xunta considere «as alegacións que se teñan feito, na medida en que fagan aportacións en positivo».
A portavoz do PP en Monforte afirmou o seu apoio ao anteproxecto, porque «deixar o noso hospital como unha illa, algo illado e diferente na xestión do resto de Galicia sería un erro e algo prexudicial para todos». Julia Rodríguez apostou porque o Goberno inclúa no texto definitivo «todas as propostas en positivo e construtivas para melloralo». A portavoz dos populares en Monforte está convencida de que a reforma vai permitir mellorar as instalacións do hospital e implementar novos servizos, «na liña na que se está traballando». Ademais, salientou que a nova lei blindará os hospitais comarcais. «Por iso, non imos pedir a retirada de algo que será bo para todos os usuarios da sanidade pública», precisou.•