O GDR Ribeira Sacra-Courel coñece a exitosa experiencia do Xeoparque de Las Loras

•A comarca, situada ao norte de Palencia e Burgos, acadou este ano a categoría de Xeoparque Mundial da UNESCO

Un momento da visita dos representantes do GDR Ribeira Sacra-Courel ao mirador de Covalagua, dentro do Xeoparque Las Loras. (Foto: GDR).
• Representantes do GDR Ribeira Sacra-Courel realizaron este mes unha viaxe á comarca de Las Loras, no norte das provincias de Palencia e Burgos, para coñecer o proxecto de desenvolvemento que se levou a cabo neste enclave natural. Las Loras, que vén de acadar este ano o recoñecemento como Xeoparque Mundial da UNESCO, aglutina un rico patrimonio xeolóxico, arqueolóxico e cultural.
EXEMPLO PARA O XEOPARQUE MONTAÑAS DO COUREL
A viaxe xustificouse polo interese do Grupo de Desenvolvemento Rural do sur lucense en traballar na posta en valor do patrimonio xeolóxico e mineiro deste territorio, vinculado á súa riqueza natural, paisaxística e cultural. Esta liña de traballo apunta con especial atención, segundo explicaron dende o GDR, a apoiar a candidatura a Xeoparque Mundial da UNESCO para o entorno das Montañas do Courel, unha iniciativa promovida conxuntamente polos Concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel. Nestes momentos, o proxecto está á espera de coñecer si se vai emitir a carta de apoio da Comisión Nacional de Cooperación coa UNESCO, previa á presentación da candidatura este ano.
NOVOS PROXECTOS DO GRUPO RIBEIRA SACRA-COUREL
Dende o GDR Ribeira Sacra- Courel salientaron a aposta por valorizar o patrimonio xeolóxico e mineiro da zona do Courel que está a realizar a través do programa Leader. Este apoio estase a concretar, segundo precisaron os responsables do Grupo, na concesión de axudas dentro deste programa europeo para construír dous miradoiros xeolóxicos en Ribas de Sil. Estes novos puntos de interese permitirán contemplar a formación do val no río Sil e o sinclinal en torno ao seu curso. Por outra banda, o GDR tamén afondará nesta riqueza patrimonial con axudas a proxectos vinculados á Ruta do Ferro, no concello do Incio, e á posta en valor da aldea mineira de Veneira de Roques, a Mina dos Medos e a Cova das Choias, no municipio da Pobra do Brollón.•

•Turismo de Galicia presentou 18 novas experiencias sustentables para disfrutar da natureza nos 6 parques naturais da Comunidade

• A Xunta vén de presentar a mediados deste mes unha nova oferta de turismo sustentable, deseñada para disfrutar da natureza nos seis parques naturais da nosa Comunidade. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, deron a coñecer esta iniciativa que inclúe tres rutas en cada parque.
Castro salientou que estes paquetes buscan atraer aos visitantes cunha fórmula sustentable, ao tempo que se promove o tecido empresarial de cada zona.
RUTAS, ACTIVIDADES ACUÁTICAS OU CULTURAIS
As actividades que integran os paquetes turísticos van dende o ciclismo, a equitación ou as rutas de sendeirismo, ata itinerarios fotográficos ou ornitolóxicos, pasando por actividades acuáticas como kaiak, paddle surf ou paddleboard. Os paquetes ofrecerán tamén a posibilidade de visitar aldeas, covas ou adegas, entre outros destinos.
Toda a información sobre as programacións en cada parque natural, así como as características paisaxísticas e patrimoniais de cada contorna, poden consultarse nunha publicación específica recollida na páxina web www.turismo.gal.
A colaboración entre os dous departamentos autonómicos nesta iniciativa, á que se destinan 60.000 euros, inclúe a promoción desta oferta turística en eventos nacionais e internacionais. Con este fin, os folletos vanse editar tamén en castelán e inglés. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A residencia SARquavitae de Bóveda cumpliu cinco anos

Seguinte Nova

Sober contará cun novo miradoiro na confluencia do Cabe e o Sil

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir aInicio

Don't Miss