Co lema “O máis grande de Galicia non se maltrata”, o departamento autonómico de Igualdade promove unha serie de eventos de concienciación social, a través da Rede de entidades locais en contra da violencia de xénero. A esta entidade están adheridos un total de 23 concellos da provincia de Lugo.
Así, Monforte de Lemos, O Páramo, Samos, Ribadeo e Burela acollen obradoiros educativos sobre “Violencia de xénero e o novo contexto dixital”, para dar información aos adolescentes sobre os riscos de violencia vinculados ás novas tecnoloxías, como o sexting ou a ciberviolencia de xénero, entre outros.
DEFENSA PERSOAL
Así mesmo, en Chantada, Rábade e Barreiros haberá cursos de defensa persoal e autocapacidades, e de adestramento físico e psíquico para aprender a actuar en situacións de risco. Os cursos están impartidos por monitores especialistas da Federación Galega de Loita.
Por outra banda, Sarria, Láncara e Palas de Rei acolleron o espectáculo musical-pedagóxico “Hei estar vixiándote II”, sobre os roles de xénero nas cancións románticas.
Bóveda, Quiroga e Pantón, entre outros municipios, van recibir a exposición “Á violencia de xénero dille… NON!”, para rexeitar condutas sexistas na mocidade, e a mostra “Cartas de Amor”, cunha visión da violencia de xénero a cargo de recoñecidos ilustradores.
Paradela e Ourol terán programas de asesoramento e terapia familiar, así como charlas informativas para vítimas da violencia de xénero.
Mondoñedo e Sober contarán con charlas sobre a trata de mulleres e nenas para explotación sexual, impartidas por persoal especializado na atención ás vítimas.•
VILAS E CIDADES, EN PÉ CONTRA A VIOLENCIA
• Ao longo do mes de novembro, as cidades e vilas do sur de Lugo están a desenvolver diversas actividades para sensibilizar contra a violencia de xénero. A divulgación entre a cidadanía e, especialmente, o traballo de concienciación entre a mocidade marcan as liñas de actuación.
En Monforte de Lemos, o sábado 25 de novembro ás sete da tarde terá lugar unha visita guiada á exposición “De berros e olladas”, a cargo de Marga Piñeiro Díaz, na Sala de Exposicións da Casa da Cultura. A continuación, terá lugar a acción artística “S/T. Muller-casa”, con Patricia Vaud, dirixida por Eva Freixeira Ferreira. O acto rematará coa lectura dun manifesto, a cargo da concelleira de Igualdade, Marina Doutón. Neste mesmo espazo, o luns 17 ás 11,30 horas haberá un obradoiro participativo do Fondo Galego de Cooperación, dirixido ao alumnado de 4º ESO dos centros de Monforte.
O xoves 30 ás 20 horas, o Centro do Viño acollerá a presentación do libro “As miñas fillas devolvéronme a vida”, de Inés Fernández Lamela.•
SENSIBILIZACIÓN NO DEPORTE
• O Concello de Sarria vén de sumarse, xunto a outros 75 municipios galegos, á efeméride do 25 de novembro. A campaña “Sarria En Negro” trata, un ano máis, de aumentar os “espazos libres de violencias machistas”, e concienciar á sociedade, en todos os eidos, para eliminar a violencia de xénero.
Un destes eidos é o deporte, que permite chegar directamente á mocidade, e implicar á cidadanía dende idades moi temperás sobre o respecto e a igualdade entre xéneros. Tamén un ano máis, o CB Sarria reservou na súa activa axenda un apartado especial para esta iniciativa social. Todas as categorías do club sarriao sumáronse á foto colectiva que organizou o Concello no Novo Chanto coas diversas asociacións e entidades deportivas da vila: S.D. Sarriana, Os Meigallos FS, Club de tiro San Xoán, Club Espiral, Club Xirandela, Club Aixa, Club Dhg Team, Club Padel Sarria e Running Sarria. A camiseta negra co lema “Contra a violencia” fixo causa común entre todas as idades e disciplinas deportivas para loitar contra esta lacra social.•
O RESPECTO, COUSA DE TODOS
• Para implicar a todos os Concellos de Galicia na loita contra a violencia de xénero, a Xunta elaborou por vez primeira unha campaña con carteis personalizados para cada un dos 313 municipios galegos. O lema da campaña é “O máis grande de Galicia non se maltrata”, e complétase coa quinta edición da andaina “Camiño ao respecto”.•