Máis dun milleiro de asistentes en Lugo ás XV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro

As XV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite tiveron lugar na Facultade de Veterinaria de Lugo o 9 e 10 de novembro. (Foto e datos aportados por TRANSMEDIA)
• O 9 e 10 de novembro, tiveron lugar na Facultade de Veterinaria de Lugo as XV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, organizadas pola Sociedade Cooperativa Galega Seragro. Máis de mil profesionais do sector participaron neste evento, que tivo como patrocinador principal á Deputación de Lugo, cunha achega de 12.000 euros. Así mesmo, cada conferencia estivo patrocinada por unha firma comercial.
PRODUCIÓN DO ALIMENTO E AMBIENTE DA GRANXA
Logo da inauguración por parte dos representantes institucionais e organizadores, as Xornadas deron paso á primeira das conferencias. Jaume Lloveras, enxeñeiro agrónomo e catedrático da Universidade de Lleida, ofreceu diversas claves para a fertilización do millo. Lloveras precisou que non hai unha “receita única” para a fertilización, aínda que alertou contra a aplicación “excesiva” de nitróxeno ou calquer mineral, “que non adoita dar maiores rendementos, e prexudica ao bolso e ao medio ambiente”.
A continuación, foi a quenda de Javier Liste, veterinario do Servizo de Alimentación de Seragro, que explicou como reducir o estrés das vacas, adestrándoas dende o nacemento e tratando de respectar os seus ritmos de movemento. Sobre estrés, aínda que motivado pola calor, tamén falou Andrés Gómez, veterinario e asesor de explotacións de ámbito internacional. Gómez precisou a importancia de manter a calidade do aire nos establos, sobre todo nas épocas de calor, para reducir a contaminación bacteriana e o risco de enfermidades pulmonares na cabaña.
MOTIVACIÓN, RELEVO XERACIONAL E CALIDADE DE VIDA 
Na xornada, tamén houbo espazo para a xestión dos recursos humanos nas explotacións. Francisco Sebastián, veterinario e asesor de granxas na Comunidade Valenciana, aportou modelos de xestión que permiten non só conciliar o traballo e a vida persoal, senón tamén claves que permitan motivar aos traballadores, facéndoos partícipes de decisións e obxectivos.
O aspecto humano do negocio veu da man de varios responsables de cooperativas agrarias de Galicia, que deron a súa testemuña en aspectos como o traspaso xeracional das explotacións, o aumento da capacidade produtiva, ou a mellora na xestión e na calidade de vida.
MÁIS RENDEMENTO POLA XESTIÓN DO ALIMENTO E DA REPRODUCIÓN
As conferencias organizadas por Seragro continuaron o venres 10 de novembro, coa intervención de Álvaro García, profesor de Ciencias Leiteiras e dos Alimentos na Universidade Estatal de Dakota do Sur, en Estados Unidos. García ofreceu varias claves para optimizar a alimentación do gando, co picado do millo, a colocación dos elementos no pesebre, ou a tecnoloxía Shredlage, que mellora a compactación no silo e dá máis fibra efectiva ao animal.
O control dos datos da reproducción foi o tema planteado por Juan Camilo Gómez, veterinario do Servizo de Reprodución de Seragro. Gómez salientou a importancia de recoller, informatizar e interpretar estes datos para rentabilizar mellor a explotación. Esta labor estaría a cargo do técnico de reprodución, aproveitando as súas visitas de revisión dos animais.
Nesta liña falou Carolina Tejero, veterinaria con experiencia en xestión de granxas e asesora independente. Tejero centrou a súa charla na recría, proceso no que son fundamentais os dous primeiros meses de vida das xatas. A continuación, Tejero participou na mesa redonda sobre este mesmo tema, na que participou Francisco Sebastián, e tamén Rogelio Grille, veterinario de Seragro e xerente de Recría Castro, adxudicataria do centro público Gayoso Castro.
Miguel Ángel Riesgo, presidente do Fondo Español de Garantía Agraria, explicou as novidades da Política Agraria Común (PAC) que se implantará a partir de 2018. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Chantada terá un tractor para a roza financiado pola Xunta

Seguinte Nova

A Xunta elimina 11 vertedoiros incontrolados en Monforte

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: