Campos Conde propón un orzamento provincial para 2018 de case 79,5 millóns

•Esta proposta supón 1 millón menos que en 2017, «polos recortes nas aportacións do Estado» •Emprego, servizos sociais e infraestruturas son os eixos destas contas

A sinatura dun crédito de 15 millóns co Banco Sabadell tivo lugar o 5 de decembro, por parte do presidente da Deputación, e os directores de Banca Empresas Noroeste e Administracións Públicas da entidade, Francisco Rivas e Ignacio Rodríguez. GPDL
• O último Pleno provincial do 2017 adiántase unha semana para debatir a proposta orzamentaria que o presidente da Deputación, Darío Campos Conde, elaborou de cara ao vindeiro ano. Segundo adiantou en rolda de prensa o mandatario provincial, o presuposto propio da Deputación para 2018, que non ten en conta o do Suplusa, o Consorcio de Bombeiros e a TIC, ronda os 79,5 millóns de euros, o que supón 1 millón menos que no exercicio actual, debido aos recortes aplicados nas aportacións do Estado.
«UNHA DEPUTACIÓN COAS PERSOAS, SOCIAL E RURAL»
En canto aos eixos principais de actuación para o vindeiro ano, Campos Conde precisou que o Executivo socialista plantea un orzamento baseado no fomento do emprego, dos servizos sociais e das infraestruturas na totalidade dos concellos lucenses. O mandatario provincial asegurou que este orzamento está «dentro da miña aposta por unha Deputación coas persoas, social e rural, e que responde por igual ás necesidades dos máis de 300.000 veciños da provincia».
11 MILLÓNS MÁIS OS REMANENTES PARA O PLAN ÚNICO
Unha das cuestións máis importantes no orzamento para 2018 é a dotación do Plan Único, para o que Campos Conde destina en principio 11 millóns de euros, un millón máis que no presente exercicio. Así mesmo, e como xa fixo este ano, o presidente asegurou que vai aumentar esta contía con remanentes, «intentando superar os 20 millóns de euros». En 2017, os remanentes aplicados ao Plan Único sumaron 10 millóns a maiores dos 10 inicialmente presupostados.
A OPOSICIÓN PIDE AO GOBERNO PROVINCIAL MÁIS FONDOS E MÁIS MELLORAS NO PLAN ÚNICO
Precisamente, a partida para o Plan Único foi obxecto de debate no Pleno provincial do mes de novembro, no que o Grupo Provincial do Partido Popular votou a favor da moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego para que a Deputación aumente o investimento e mellore este Plan no vindeiro ano. A voceira do PP, Elena Candia, salientou que a demanda de impulsar un plan destas características «é unha vella reivindicación do PP», e lembrou que a Xunta ten dende 2010 «unha iniciativa similar que respecta a autonomía local». Candia precisou que o Executivo autonómico, a través do Fondo Local, incrementou a partida nun 3,4%, «o que fai de Galicia unha das tres Comunidades de España que fai este tipo de aportación directa aos Concellos».
«A DEPUTACIÓN, MOTOR SOCIAL DA PROVINCIA»
Campos Conde tamén fixo balance dos investimentos  realizados, que superan os 113 millóns de euros, o 86% do orzamento total do 2017. «No 2018, seremos outra vez a institución galega que máis inviste nos 67 concellos, facendo que a Deputación siga sendo o motor social desta provincia», salientou. O presuposto consolidado deste organismo no ano en curso achégase aos 130 millóns tras incorporar os ordinarios remanentes.
CRÉDITO DE 15 MILLÓNS PARA MELLORAR A REDE DE ESTRADAS
Aos 113 millóns aprobados, o Executivo provincial engadiu este mes outros 15 a través dun crédito asinado co Banco Sabadell. Segundo explicou Campos Conde, esta operación servirá para executar un plan de mellora de estradas provinciais. O presidente lembrou que a Deputación está nunha situación económica «envexable», con débeda cero, o que permite levar adiante esta operación financieira. Por outra banda, Campos Conde lembrou o «esforzo inversor» de 10 millóns para conseguir chegar aos 1.300 quilómetros de aglomerado en quente nos 4.200 quilómetros na rede viaria provincial, a máis extensa de España. A pretensión do Goberno provincial é acadar os 2.000 quilómetros de firme en condicións, traballos que se poderán custear con este crédito.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

112 operarios e 64 máquinas darán servizo no Plan Invernal da Deputación

Seguinte Nova

O GDR Ribeira Sacra-Courel leva concedido preto de un millón en axudas

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: