O Consorcio divulga entre escolares e veciñanza a recuperación dos esgrafiados

• Escolares de O Saviñao e Chantada, así como veciños de A Pobra do Brollón, participaron nas actividades divulgativas do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra

Escolares de segundo e terceiro ciclo de Primaria de Escairón participaron nas actividades divulgativas do Consorcio. CTRS
• O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra continúa a desenvolver o proxecto de recuperación dos esgrafiados, un modelo tradicional de recubrimento artístico de fachadas moi característico deste territorio. Ademais das intervencións en edificios que se están realizando estes meses, en decembro comezaron as actividades de divulgación. A veciñanza en xeral, e con especial atención os escolares, son os protagonistas das xornadas lúdico-culturais que o Consorcio está a propoñer a asociacións, colectivos e centros educativos. Así, o sábado 2 de decembro organizouse na Casa da Cultura da Pobra do Brollón un obradoiro familiar para elaborar un mural con esgrafiados, empregando un material que imite o cal, sustancia orixinal nesta decoración e de manipulación arriscada, para evitar danos.
Por outra banda, xa comezou tamén a programación divulgativa nos centros de ensino. Escolares de segundo e terceiro ciclo de Primaria de Escairón coñeceron as características e importancia desta técnica mediante xogos e dinámicas de grupo. Tamén os estudantes de 4º ESO dos IES Val do Asma e Lama das Quendas en Chantada tiveron a oportunidade de achegarse a esta riqueza patrimonial, con actividades que se ampliarán en breve a outros centros de ensino.
Alumnado de 4º ESO dos IES Lama das Quendas e Val do Asma en Chantada sumáronse ao programa do Consorcio. CTRS
TERCEIRA INTERVENCIÓN DE ESGRAFIADOS
En paralelo, o Consorcio de Turismo está a desenvolver a terceira intervención de esgrafiados, nesta ocasión no municipio ourensán de Parada de Sil, rico neste tipo de recubrimentos. Segundo explicaron dende o Consorcio, escolleuse este emprazamento pola súa cercanía a un punto de interese cultural, que ademais está situado preto dunha paraxe natural de grande atractivo. En concreto, estase a traballar na fachada dun edificio do aparcadoiro que dá acceso á necrópole e á capela altomedieval de San Vítor de Barxacova. A construción está bastante deteriorada, polo que a intervención eliminará o impacto negativo no conxunto.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Actividades para disfrutar do Nadal en Quiroga

Seguinte Nova

A Ruta Gastronómica do Camiño Francés continúa ata xaneiro

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: