O Neka culmina un ano de éxitos con 9 medallas no Campionato de España de taekwondo

•Antes da proba nacional, os monfortinos sumaron 16 metais no Torneo Vila de Moaña

Os deportistas do Neka que lograron medalla no Campionato de España de Clubes, celebrado en Castellón do 7 ao 10 de decembro. (Foto cedida).
• O 2018 remata para o ximnasio Neka con sabor a medalla. Os deportistas desta formación monfortina veñen de acadar 9 medallas no Campionato de España de Clubes, un bo colofón tras sumar outros 16 metais no Torneo Vila de Moaña, celebrado a finais de novembro. Ademais dos éxitos do Neka, o taekwondo monfortino suma outra alegría coa medalla de prata acadada no Campionato de España por Alejandro Fernández, que compite no Escola Lucense de Taekwondo.
Foto de familia da expedición do Neka ao Torneo Vila de Moaña, o 25 de novembro, no que conseguiron 16 medallas. (Foto cedida).
MEDALLISTAS EN TÉCNICA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA
Na proba nacional, o ximnasio Neka sumou dúas pratas en técnica, que corresponderon a Daniel Areán e ao trío formado por Elena Varela, Meritxell Varela e Diana Torres. Tamén en técnica, lograron unha medalla de bronce individual José Roca, Aitor Teijeiro e Álex Camba, deportista que sumou outra medalla na modalidade de parella xunto a  Elena Varela. A punto estiveron de subir ao podio outros tres deportistas do clube monfortino, xa que Carla Pardo e Carlos Rey chegaron á final, e Karla Novo rozou medalla, rematando no quinto posto.
En freestyle, tamén houbo presenza monfortina nos podios. Elena Varela subiu ao segundo posto en individual, e ao terceiro en parella con Carlos Rey, e Meritxell Varela acadou un bronce individual.
O adestrador do Neka, José Mª Vega, destacou o campionato feito por Elena Varela, que sumou catro metais na competición nacional, “algo que nunca ninguén do Neka tiña conseguido”. Vega tamén salientou o doblete conseguido por Álex Camba, e o logrado por Meritxell Varela, nunha proba na que se mediron coa elite do taekwondo español.
16 METAIS LOGRADOS EN MOAÑA
Os bos resultados de Elena Varela na proba nacional viñan precedidos por un gran palmarés no Torneo Vila de Moaña, celebrado na última fin de semana de novembro. A deportista completou esta proba con outras catro medallas, unha prata individual en freestyle, un bronce individual en técnica, e dúas pratas en parella con Álex Camba e en trío con Meritxell Varela e Diana Torres.
O éxito tamén acompañou ao traballo de Aitor Teijeiro, como destacou Vega, xa que o xove deportista sumou nada menos que dous ouros, en técnica e combate. Nesta modalidade, Junior Martínez gañou o ouro tras un gran combate final, e Pedro Luis Pérez “Wiwi” tamén logrou medalla de ouro, co que suma puntos para incorporarse á selección galega. Lucía Roca completou os éxitos do Neka en combate cun bronce, e triunfou tamén en técnica cunha prata.
Tamén en técnica, conseguiron medalla de ouro Álex Camba, Laura Álvarez e Daniel Areán, mentres que Raúl Vázquez, Leyre Rodríguez e a parella formada por Iria de la Fuente e Gael Trujillo remataron o torneo con medallas de bronce. Estes resultados situaron ao Neka no cuarto posto por equipos.•

ELENA VARELA FAI HISTORIA NO NEKA

Elena Varela, do ximnasio Neka, coas 4 medallas conseguidas no Campionato de España de taekwondo 2017. (Foto cedida).

A deportista Elena Varela acadou 4 medallas, dúas de prata e dúas de bronce, no Campionato de España, co que marca un fito na historia do ximnasio Neka de Monforte. Nunca antes un taekwondista do clube monfortino rexistrara un cuádruplo podio na proba nacional de clubes.
Varela viña de lograr outras 4 medallas no Torneo de Moraña, a finais de novembro.

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Todo listo en Pantón para celebrar as festas de Nadal

Seguinte Nova

O Club Lemos celebrou a cea de Nadal

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: