O proxecto Xeoparque Montañas do Courel inicia a conta atrás para o seu recoñecemento pola UNESCO

•Os alcaldes de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel presentaron, co apoio da Xunta, a Deputación e o GDR, a candidatura a Xeoparque Mundial

Os rexedores de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, presentaron a candidatura do Xeoparque Montañas do Courel, co apoio do delegado da Xunta en Lugo, o deputado de Relacións Institucionais da Deputación, e o presidente do GDR Ribeira Sacra-Courel, o 1 de decembro en Quiroga. EC
• O primeiro de decembro, presentouse oficialmente a candidatura a Xeoparque Mundial da UNESCO do proxecto Montañas do Courel, unha iniciativa conxunta dos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel. Este proxecto, que conta co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e o GDR Ribeira Sacra-Courel, aglutina os esforzos dos tres municipios por traballar, cunha única voz, na consecución dun recoñecemento que suporía, segundo o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, “todo un revulsivo” para a Galicia interior.
“UN ANTES E UN DESPOIS NO TERRITORIO”
O Telecentro de Quiroga acolleu a presentación oficial, na que se puido ver un vídeo co resumo de todos os datos do proxecto do Xeoparque. A iniciativa, xurdida en torno á posta en valor do Pregamento Campodola-Leixazós como unha das formacións xeolóxicas máis singulares de Europa, reúne unha axeitada infraestrutura hoteleira e de servizos, nun territorio con grandes atractivos paisaxísticos e profunda identidade cultural.
O proxecto será sometido a exame por unha comisión do organismo internacional, que emitirá o seu ditame en 2019. Namentres, o proxecto Montañas do Courel ten todo un ano para traballar en prol da consecución dun recoñecemento que, de conseguirse, marcará “un antes e un despois para este territorio”, segundo afirmou o tenente de alcalde de Ribas de Sil e presidente da Asociación Montañas do Courel, Roberto Castro.
Con este obxectivo, a Asociación vai traballar ao longo de todo 2018 “para poñer en valor e  concienciar á poboación sobre a existencia dun territorio único, aínda que haxa tres concellos”, en palabras de Castro, que agradeceu o apoio da Xunta, da Deputación e do GDR “para ter chegado ata aquí”. O presidente da Asociación Montañas do Courel cualificou o 1 de decembro como “un gran día para a política, por asumir un proxecto común e traballar todos xuntos”.
“TRABALLO EN EQUIPO QUE DÁ FROITOS”
Esta vontade política vén dar continuidade ao esforzo individual de tres persoas, que “desinteresadamente fixeron posible este proxecto”, segundo afirmou o alcalde de Quiroga, en referencia a Martín Alemparte, xerente do GDR, Ramón Vila, responsable do Museo Xeolóxico de Quiroga, e Iván Álvarez, arqueólogo. “Eles tres traballaron na sombra, e nos meteron aos alcaldes a inquedanza para tirar para adiante”, recoñeceu con agradecemento a alcaldesa de Folgoso, Dolores Castro.
O apoio da Xunta vai seguir este ano, como afirmou o delegado en Lugo, José Manuel Balseiro, quen desexou “que haxa máis proxectos así”. Pola súa banda, a Deputación de Lugo, a través do deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, gabou esta “saudable maneira de traballar”, polo que garantiu o apoio económico provincial nas seguintes fases. O presidente do GDR, José Manuel Arias, salientou a importancia de “traballar en equipo” para que os proxectos “den froito”. O apoio técnico, económico e loxístico que ten aportado o GDR Ribeira Sacra-Courel durante todo este proceso foi destacado polos responsables desta iniciativa.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A cooperativa Lemos acolleu unha xornada de empoderamento feminino

Seguinte Nova

Actividades para disfrutar do Nadal en Quiroga

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: