•A Xunta iniciou este mes o trámite de información pública do proxecto de conexión coa N-120 •Completouse o saneamento do Porto Seco, coa nova depuradora financiada a medias entre o Concello e a Xunta
Segundo explicou en Monforte o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, a Axencia Galega de Infraestruturas decidiu acumular e levar a cabo, nun só acto, o trámite de exposición pública do trazado, e tamén o referido ás expropiacións. Deste xeito, axilizarase «notablemente» o proceso dos vindeiros pasos, logo de que se resolvan as alegacións que presenten particulares ou organismos antes do 15 de febreiro, data na que remata o prazo.
Balseiro lembrou os detalles deste proxecto, que dará continuidade ao enlace que a Xunta executou en 2015 dende a terminal intermodal de mercadorías ata a estrada LU-933, tramo de 2,3 quilómetros no que o Executivo autonómico investiu 7,5 millóns de euros. O novo tramo vai prolongar o acceso ata a N-120. Balseiro precisou que o proxecto inclúe unha nova glorieta, e un punto de intersección coa N-120 que permitirá integrar este vial coa futura autovía A-76, prevista por Fomento. A nova conexión terá un quilómetro de lonxitude e dous viadutos, para salvar a liña de ferrocarril e a canle alta do regadío. Tamén inclúe un paso inferior para dar saída aos camiños de servizo.
Balseiro estimou o desembolso da Xunta nesta fase en máis de 4,5 millóns, entre as obras do novo vial e as expropiacións.•
O porto seco de Monforte xa ten depuradora
•O alcalde asinou a recepción da obra, que permite á plataforma loxística contar co saneamento necesario para dar servizo ás empresas
• O 21 de decembro quedaba completado o último trámite para que o porto seco de Monforte tivera un servizo de saneamento axeitado para o seu funcionamento. O alcalde, José Tomé, acompañado polo director de obra, o representante da empresa encargada dos traballos, e un técnico do Instituto Galego de Vivenda e Solo, asinou a acta de obra desta estación depuradora, o requisito «que faltaba para que as empresas poidan instalarse nas súas parcelas».
Tomé amosou a súa satisfacción por ter posto «o punto final a un capítulo que durou demasiado tempo». A depuradora foi financiada ao 50% polo Concello de Monforte e a Consellería de Infraestruturas, en virtude dun convenio asinado polo alcalde e a conselleira, Ethel Vázquez, en maio do ano pasado.
O custe final da obra da depuradora foi de 234.353,09 euros.•
Os empresarios lucenses reclaman infraestruturas para unha provincia «con claras desvantaxes competitivas» en conexións territoriais básicas
• Baixo o título «Infraestruturas Lugo século XXI», a sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu un foro-debate, no que participaron políticos, axentes sociais e empresarios da provincia. O evento, organizado pola CEL en colaboración coa Deputación de Lugo, abordou aspectos como o tren, as autovías, a autoridade portuaria propia ou o porto seco de Monforte. Temas que, en palabras do conselleiro delegado da CEL, Eduardo Valín, «foron por desgracia os temas estrela nas demandas deste colectivo ao longo da súa historia». Neste sentido, Valín subliñou as dificultades para captar investimentos privados nunha provincia «na que partimos con desvantaxes competitivas, como son as de non contar coas infraestruturas máis básicas de conexión territorial». Esta carencia foi destacada tamén polo secretario da CEL, Jaime López, que insistiu en que «Lugo está ninguneado en materia de infraestruturas clave».
Valín denunciou o incumprimento dos prazos por parte das administracións para rematar infraestruturas «que cando se finalizan xa están obsoletas respecto ás do resto do Estado». O conselleiro delegado lembrou que os fondos de cohesión europeos foron concedidos a Galicia «para eliminar as súas diferencias» co resto do país.
Pola súa banda, o deputado de Relacións Institucionais da Deputación, Álvaro Santos, reclamou a chegada do AVE a Lugo e o Corredor da Costa, e gabou a posta en marcha do porto seco de Monforte «para evitar que a mocidade teña que buscar traballo noutras zonas nas que si se apostou por estas infraestruturas, como Ponferrada». •