Os museos da Rede Provincial recibiron un 7% máis de visitantes en 2017

•Os catro espazos museísticos acolleron a preto de 111.000 persoas o ano pasado •Esta cifra supón un aumento de preto de 8.000 visitantes respecto a 2016

A Rede Museística Provincial de Lugo prioriza as políticas inclusivas á hora de establecer a súa programación cultural. GPDL
• O ano 2017 trouxo aos museos provinciais de Lugo preto de 8.000 visitantes máis que nos 12 meses anteriores. Esta subida apreciouse na totalidade dos espazos da Rede Museística Provincial de Lugo agás no Museo Pazo de Tor, debido ás obras de desinsectación e mantemento que requeriron o seu peche durante os meses de maio e xuño. No conxunto da Rede, foron 110.749 as persoas que se achegaron a coñecer as instalacións ou a participar nas súas actividades, o que supón un incremento do 7% no número de visitantes respecto a 2016.
O balance foi presentado a primeiros de xaneiro pola deputada de Cultura, Pilar García Porto, que salientou a importancia da Rede para “aproveitar o noso patrimonio material e inmaterial, e fomentar o turismo cultural”.
CIFRAS DE VISITANTES POR MUSEO
O Museo Provincial de Lugo recibiu a cifra máis alta de visitantes, con 51.872, seguido polo Museo-Fortaleza San Paio de Narla, con 25.266. Así mesmo, o Museo Provincial do Mar rexistrou o ano pasado 25.127 visitas. Pola súa banda, o Museo Pazo de Tor só tivo 8.484 visitantes, debido ao parón polos traballos de mantemento da colección.
AUMENTO DO 42% NAS VISITAS AO MUSEO PAZO DE TOR EN ABRIL
En canto ao calendario, o pico máximo de visitantes no conxunto da Rede rexistrouse no verán, con 18.641en agosto e outros 12.700. Respecto ao ano anterior, subiron as visitas en abril, cun 25% máis, e en setembro, cun aumento do 16%. En concreto, o museo de Tor medrou en visitas un 42% en abril deste ano, en comparación co do ano pasado, rematando o mes con 1.248 asistentes. O repunte xeral contabilizado en setembro debeuse ás visitas do Museo Provincial de Lugo, que sumaron 4.450 , o que supuxo un 22% máis que no mesmo periodo de 2016.•

2017, un ano de premios para a Rede Museística Provincial

• Diversas institucións recoñeceron o traballo de divulgación e promoción social que se vén realizando dende a Rede Museística Provincial de Lugo. O premio Integración Social 2017, da Fundación Anade, valorou os proxectos que a Rede desenvolve en defensa da plena inclusión das persoas. Así mesmo, o Banco Galego de Boas Práticas incluiu o traballo da Rede en Xestión Cultural, polo plan que ten en marcha no eido da inclusión social.
A defensa da igualdade de xénero do proxecto “Nos +outrxs en Rede” acadou a mención de honra no Premio Iberoamericano de Educación e Museos. Por outra banda, o proxecto “Guerrilla de palabras: o oficio de palabreiro” foi unha das dúas iniciativas internacionais seleccionadas por Ibermuseos para ser desenvolvidas ao longo de 2018. Ademais, o MINOM valorou a labor social da Rede, e escolleu o Museo Pazo de Tor para custodiar o seu arquivo documental.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Todo listo para disfrutar da X Festa do Cocido do Porco Celta da Comarca de Sarria

Seguinte Nova

O sur de Lugo pasou de 45 a 67 liñas de autocar nos últimos meses

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: