Máis impulso ao Campus de Lugo da man da Deputación e a Universidade de Santiago

• Convenio de 400.000 euros entre as dúas institucións para «reforzar xuntos a educación pública e de calidade»

O reitor da USC, Juan Viaño; o presidente da Deputación, Darío Campos; e o vicerreitor do Campus de Lugo, Javier Bueno, na sinatura do convenio, o 22 de xaneiro. GPDL
• O pasado 22 de xaneiro, asinouse en Lugo o convenio entre a Deputación e a Universidade de Santiago, para desenvolver a quinta edición do plan de impulso do Campus de Lugo. O convenio está dotado con 400.000 euros, dos que 350.000 son achegados pola Deputación, e os restantes 50.000 apórtaos a Universidade.
REPERCUSIÓN «MOI POSITIVA»
Segundo explicou o reitor da USC, Juan Viaño, durante a sinatura do convenio, o plan de choque que están a impulsar a Deputación e a Universidade dende hai cinco anos «tivo unha repercusión moi positiva sobre a actividade do Campus lucense». Viaño lembrou que «poder contar cunha educación superior pública e de calidade é un dos piares do Estado do Benestar», así como «un indicador de que queremos ser un país desenvolvido que aspira a estar entre os mellores do mundo».
BALANCE
Na mesma liña insistiu o presidente da Deputación, Darío Campos, ao sinalar «a aposta deste Goberno por unha educación pública de calidade, por ofrecer facilidades de acceso a ela, e por fomentar o Campus de Lugo, e a Lugo como cidade universitaria». Campos Conde lembrou que o Campus lucense foi recoñecido como un dos mellores de España polo U-Ranking. O mandatario provincial puntualizou a vontade do seu Goberno de traballar «pola igualdade de oportunidades» na educación, aínda que as competencias directas nesta materia corresponden á Xunta.
Os asinantes do convenio fixeron balance dos logros alcanzados por este plan de impulso do Campus de Lugo. Dende o 2014, aumentou a taxa de ocupación das titulacións de Grao, pasando do 62,9% ao 70,5%. No mesmo periodo, foron 406 os estudantes de primeiro ano que se beneficiaron das bolsas da Deputación, coas que tiveron un desconto do 50% na primeira matricula do Grao. Ademais, houbo un incremento no número de estudantes internacionais, que representan na actualidade o 16% do total do alumnado do Campus de Lugo. Tamén se incrementou, nun 12%, o número de novos estudantes de Master. Outra das melloras foi o aumento do número de cursos de verán, ata sumar 65 en dous anos.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

2017 foi un bo ano en visitas aos atractivos turísticos de Pantón

Seguinte Nova

Lugo acolleu un taller de marcha nórdica para impulsar hábitos saudables

Últimas noticias sobre EDUCACIÓN

A %d blogueros les gusta esto: