Novas actuacións provinciais para mellorar os accesos a fincas e núcleos rurais

• En varios puntos do Incio e do Saviñao • Responden ás peticións dos veciños

O deputado provincial pola comarca de Sarria, Pablo Rivera, supervisou os arranxos dos camiños no Incio coa alcaldesa, Laura Celeiro, o 17 de xaneiro. GPDL
• A mediados de xaneiro, quedaron completados os traballos de mellora que a Deputación de Lugo realizou en accesos a varios núcleos e fincas do municipio do Incio. Segundo explicou o deputado provincial pola comarca de Sarria, Pablo Rivera, estas obras contaron cun investimento de 33.300 euros.
ACCESOS AGROFORESTAIS
Rivera supervisou o resultado destas actuacións, acompañado pola alcaldesa do Incio, Laura Celeiro. O deputado provincial precisou que a Deputación mellorou, por unha banda, os accesos a varias fincas agroforestais que quedaran illadas logo da construción do corredor. Rivera salientou que esta medida foi «moi demandada» polos veciños, que agora contan cun camiño máis amplo e directo para chegar ás súas parcelas.
CAMIÑOS RURAIS
Outra das melloras realizadas pola Deputación neste municipio foi a construción dun muro de contención e a ampliación do acceso ao núcleo de Castelo. Tamén se aplicou formigón na vía central que dá acceso a Vilar de Vara. Así mesmo, abriuse e ampliouse un acceso en Aldea de Abaixo, grazas á cesión de terreos por parte dos veciños. Por último, rehabilitáronse accesos a fincas agrogandeiras en Noceda.
BALANCE DE INVESTIMENTOS
Pablo Rivera lembrou que, na pasada anualiade, a Deputación xa investira preto de 500.000 euros en mellorar os accesos en máis dunha decena de núcleos do Incio. Pola súa banda, Laura Celeiro agradeceu a colaboración da Deputación «porque estas obras non as poderíamos acometer con fondos propios».•

 Convenio provincial con veciños do Saviñao para mellorar accesos a fincas agrogandeiras

O presidente da Deputación asinou o convenio cos representantes da Plataforma Veciñal Terras do Saviñao, o 13 de xaneiro. GPDL
• A Deputación colaborará coa mellora en varios accesos agrogandeiros no municipio do Saviñao. Así o establece o convenio asinado entre o organismo provincial e a Plataforma Veciñal Terras do Saviñao, o pasado 13 de xaneiro. A Deputación aportará 12.500 euros a esta asociación de veciños para mellorar accesos públicos municipais a fincas agrícolas e gandeiras, así como a explotacións vitícolas, nas parroquias de Marrube, A Broza, Rosende, Fijón e Freán.
APOIO AOS PROFESIONAIS AGROGANDEIROS
Durante a sinatura do convenio, o presidente da Deputación, Darío Campos Conde, salientou a necesidade desta colaboración para sacar adiante unhas obras «que beneficiarán directamente aos 400 veciños» destes núcleos do Saviñao. «Moitos deles son profesionais do sector agrogandeiro, e están a ter dificultades para acceder ás fincas nas que traballan, polo estado no que se atopan os viais públicos municipais». O mandatario provincial decidiu que nesta aportación económica, como en todas as que está a participar a Deputación, se formalice un anticipo do 80% do importe, para facilitar a posta en marcha dos traballos.
DETALLE DAS OBRAS
Os responsables provinciais explicaron os detalles das obras. En Marrube, rebaixarase con pala o terreo existente na pista de acceso, para incorporar cemento. Esta actuación é «moi necesaria», segundo precisaron, porque agora non é posible acceder ás parcelas. Pola súa banda, en A Broza vaise limpar a vía e as cunetas, e preparar o terreo para aplicar formigón. Deste xeito, facilitarase o acceso da maquinaria agrícola ás cinco granxas da parroquia. Traballos similares se realizarán en Rosende, para permitir o paso de máquinas ás fincas vitícolas.
Por outra banda, as obras en Fijón buscan resolver o problema de acumulación de auga de chuvia, instalando ou reparando taxeas, limpando as cunetas e colocando tuberías de filtración. A mesma mellora vaise desenvolver nun acceso ao núcleo de Casa do Monte, na parroquia de Freán, ademais de aplicar formigón no camiño. Deste xeito, será máis fácil acceder con maquinaria ás explotacións agrogandeiras.•

4 millóns de euros da Xunta para o Plan de Camiños Rurais en Lugo

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo de solicitude do Plan Marco de Mellora de Camiños Rurais, para que os gobernos locais poidan financiar a mellora de pistas. Segundo explicaron dende a Consellería de Medio Rural, o importe total do Plan é de 15,9 millóns, distribuídos en dúas anualidades de 7,99 millóns cada unha.
IMPORTES POR COMARCAS E CONCELLOS NO SUR
Para a provincia de Lugo, Medio Rural achega 4,1 millóns de euros, repartidos segundo o acordo asinado no seu día pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).
Segundo este acordo, na comarca de Lemos, Bóveda recibirá 45.733 euros, Monforte 73.737, Pantón 79.266, A Pobra do Brollón 51.390, O Saviñao 77.371 e Sober 70.862 euros.
Para a comarca de Chantada, o reparto destina 70.383 euros a Taboada, 75.020 a Carballedo, e outros 78.862 ao municipio de Chantada.
No caso da comarca de Quiroga, Folgoso do Courel disporá de 45.080 euros, Ribas de Sil 30.344, e Quiroga 57.416 euros.
Por último, a distribución de fondos do Plan de Camiños Rurais na comarca de Sarria destina 60.248 euros a O Incio, 67.216 a Láncara, 58.218 a Paradela, 44.068 a O Páramo, outros 48.834 a Samos, e 35.731 a Triacastela.
As axudas destinaranse a ampliar a lonxitude da vía, o reforzo do firme e terrapléns, ou a limpeza de marxes, pero non financiará a mellora de rúas interiores.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

•A XXXVIII Feira do Viño de Amandi estará adicada ao Concello da Pobra do Brollón, con Cristina Pato como pregoeira

Seguinte Nova

Diversión, cultura e participación nas actividades da Escola Oficial de Idiomas de Monforte

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: