Preparativos para as celebracións do Entroido no sur de Lugo

Foto de arquivo do desfile do Martes de Entroido en Monforte. Do 10 ao 17 de febreiro, as rúas do sur de Lugo encheranse de comparsas e disfraces. Arquivo EC
• As vilas do sur de Lugo preparan xa as festas do Entroido 2018, que este ano celébrase a mediados de febreiro. Aínda quedan programacións por pechar, con sorpresas e premios que se irán coñecendo nos próximos días.
O 28 DE XANEIRO COMEZA O ENTROIDO RIBEIRAO
O máis madrugador é, seguindo a tradición, o Entroido Ribeirao, que se celebra na parroquia chantadina de Santiago de Arriba. O 28 de xaneiro inicíanse as celebracións co Domingo Lambedoiro, no campo do Moreno. Pola mañá, haberá en Chantada un pasarrúas colectivo, que partirá dende a Praza de Santa Ana ás 12,00 horas, coa participación dos Fulións Rurais de Viana do Bolo, os Peliqueiros e Parrafóns de Campobecerros, e a Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso. Xa pola tarde, as mesmas comitivas participarán na festa en Santiago de Arriba, a partir das catro. A tradición seguirá o Domingo Corredoiro, o 4 de febreiro, e o propio Domingo de Entroido, o día 11. A cita co Entroido Ribeirao rematará o Martes día 13.
BAILE, CHOCOLATADA E CONCURSO DE DISFRACES EN BÓVEDA O DOMINGO 11 FEBREIRO
O día grande do Entroido en Bóveda será o domingo 11 de febreiro, cunha festa  e concurso. Dende as cinco e media ata as oito e media, nenos e maiores poderán desfrutar dun baile infantil con animación e dunha chocolatada con doces, ademais de participar no Concurso e Desfile de Disfraces.
Para tomar parte no Concurso, é preciso inscribirse previamente, de xeito individual, por parellas ou por grupos. A entrega dos dorsais realizarase no Centro Sociocultural xusto antes do desfile.
Haberá dúas modalidades, infantil e adulto, con varias categorías segundo o número de compoñentes no disfraz que concurse. Os participantes de cada modalidade optarán a un primeiro e a un segundo premio. En infantil, os premios serán lotes de material educativo. En adultos, os primeiros premios consistirán en ceas ou xantares nos restaurantes do municipio de Bóveda. Os segundos premios de adultos serán lotes de produtos dos establecementos comerciais deste concello. Nas categorías mixtas, os premios consistirán en lotes de material educativo e vales.
O xurado do Concurso estará formado por un mínimo de 3 e un máximo de 5 persoas, vinculadas ao deseño, decoración ou creación, adultas non disfrazadas e presentes na Casa da Cultura, e que sexan alleas á organización do evento. O xurado estará presidido pola concelleira de Cultura con voto, e como secretario actuará un funcionario do Concello de Bóveda. Procederase con fichas de voto, na que cada membro do xurado marcará o número do disfraz votado en cada categoría, e que se depositará nun buzón. Logo do reconto de votos, terán premio os disfraces máis votados en cada categoría.
COMPADRES,  COMADRES E ENTROIDO NA POBRA DO BROLLÓN
Na Pobra do Brollón comezan o Entroido cun obradoiro no que os rapaces e rapazas poderán elaborar compadres, comadres, caretas, antefaces e disfraces. As sesións teñen lugar os venres 26 de xaneiro e 2 de febreiro, de catro a seis da tarde, na Casa da Cultura.
Os Concursos de Compadres e Comadres da Pobra do Brollón celebraranse os xoves 1 e 8 de febreiro. Poderán participar creacións individuais e colectivas. Os traballos individuais concentraranse diante da Casa do Concello a partir das seis e media da tarde, para ser valorados e despois queimados. Ao remate, haberá unha chocolatada na Casa da Cultura.
Os traballos colectivos instalaranse onde proceda segundo as súas características, e serán valorados in situ polo xurado ao longo da mañá ata as dúas da tarde.
O xurado valorará a orixinalidade, calidade e elaboración. Para a modalidade individual, o primeiro premio será de 50 euros, cun accésit de 20 euros. En traballos colectivos, o primeiro premio será de 100 euros, e o accésit de 50 euros.
Os premios do Concurso de Compadres e Comadres entregaranse o sábado 10 de febreiro, ao remate do Desfile de Entroido, diante da Casa do Concello.
ÚLTIMOS DÍAS PARA INSCRIBIRSE NOS COMPADRES DE MONFORTE
O 31 de xaneiro ás 14,00 horas remata o prazo para anotarse no Concurso de Compadres. As solicitudes deberán presentase no Rexistro Xeral. Para as Comadres, aínda hai tempo para inscribirse ata o 7 de febreiro.
En Compadres e Comadres, establécense tres convocatorias: centros de ensino, parroquias, barrios ou rúas, e individual. En cada unha delas, valoraranse por separados os individuais e os colectivos, ademais de convocar un premio á etnografía con 100 euros, e un premio á crítica social con 100 euros. En individuais, hai un primeiro premio de 65 euros, un segundo de 35 e un accésit de 18. En colectivos, os premios serán de 95, 65 e 30 euros.
GRAN ENTROIDO EN ESCAIRÓN
O Martes 13 de febreiro, celebrarase o Desfile de Comparsas e Disfraces no Saviñao. Para participar, hai que inscribirse antes do día 12 ás 14,00 horas. A comitiva partirá do mercado gandeiro ás cinco, cunha charanga, e ás seis e media celebrarase o baile, co Dúo Camelia. Xa ás sete, comezará a sesión gastronómica, con pancetada, chourizada e chocolate con churros de balde. A xornada rematará ás oito e media coa entrega de premios aos mellores desfiles e comparsas, e os premios de participación.•

Pantón celebrará o Entroido o sábado 17 de febreiro, con premios en metálico para as mellores comparsas e disfraces

Imaxe de arquivo do desfile de comparsas e disfraces ao chegar á Praza do Concello, en Ferreira de Pantón. (Foto cedida).

 

• O Entroido de Pantón sempre é unha data especial na axenda lúdica do sur lucense. O gran desfile de comparsas e disfraces de Ferreira, que organiza o Concello de Pantón, celebrarase o sábado 17 de febreiro, na fin de semana seguinte ao Martes de Entroido.
A comitiva partirá, como é habitual, do colexio Monte Baliño, onde se concentrarán a totalidade dos participantes ás catro da tarde. Media hora despois, iniciarase o desfile polas rúas do Castro de Ferreira, ata culminar na Praza do Concello. Neste punto, terá lugar a entrega de premios, seguida dunha chocolatada e un animado baile de disfraces amenizado polo Dúo Camelia. Todos os nenos e nenas asistentes recibirán agasallos.
As persoas que queiran participar deberán anotarse no Edificio Sociocultural de Ferreira ata o venres 16 de febreiro. O Concello de Pantón repartirá premios entre as mellores comparsas e disfraces. Na modalidade de adultos, haberá tres premios de 350, 200 e 150 euros para os grupos de 10 ou máis compoñentes, outros tres premios de 150, 125 e 100 euros para formacións de 5 a 9 membros, e unha última quenda de premios de 100, 75 e 50 euros para grupos de 1 a 4 membros.
Na modalidade infantil, os grupos de 10 ou máis compoñentes optarán a tres premios de 180, 160 e 150 euros, mentres que os grupos de 5 a 9 compoñentes terán premios de 100, 75 e 50 euros. Os grupos de 1 a 4 membros serán premiados con 50, 40 e 20 euros.
Todas as comparsas de máis de 10 membros recibirán 80 euros, non acumulables aos premios. O Concello outorgará unha axuda adicional de 50 euros para todos os grupos que inclúan unha carroza. Considerarase carroza o dispositivo que conte cun armazón metálico ou de madeira, e estea elaborada e decorada con gusto e imaxinación, segundo precisan as bases, para ser valorada polo xurado.•

Programación do Entroido de Sober 2018

As celebracións do Entroido soberino comezarán o 1 de febreiro, co Xoves de Compadres, e continuará o día 8, na cita co Xoves de Comadres, para poñer a proba o enxeño e o humor da veciñanza sobretemas da actualidade do pasado ano.
A gran celebración festiva en Sober será, como vén sendo habitual, o sábado de Entroido. Durante a tarde do 10 de febreiro, terá lugar o desfile da comparsa polas rúas soberinas dende as cinco e media. Unha hora máis tarde, terá lugar unha merenda con música, xogos e inchables. Os premios aos mellores disfraces entregaranse durante o XII Baile da Cachucha.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Ribeira Sacra amosou ao mundo os seus novos proxectos en FITUR 2018

Seguinte Nova

O transporte escolar na provincia custa preto de 16 millóns anuais á Xunta

Últimas noticias sobre EVENTOS

A %d blogueros les gusta esto: