A Deputación acondicionará 18 quilómetros de viais en 5 concellos do sur

•En total, o organismo provincial aprobou en dúas semanas 6,2 millóns de euros para obras en 45 estradas de 25 municipios

•O organismo provincial deu luz verde a novos traballos de mellora en estradas de Taboada, Monforte de Lemos, Sarria, Ribas de Sil e O Incio

Rolda de prensa do presidente da Deputación, Darío Campos, para explicar os últimos investimentos en obras viarias, a finais de xaneiro. GPDL
• O arranxo nas estradas provinciais vén de recibir un novo impulso o mes pasado, coa aprobación, en 15 días, de obras por importe de 6,2 millóns de euros. O detalle das actuacións, que abranguen 124 quilómetros en 45 viais ao longo de 25 concellos, foi explicado en rolda de prensa polo presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a finais de xaneiro.
1 MILLÓN PARA ARRANXAR O FIRME DE 21 QUILÓMETROS EN 6 CONCELLOS
O mandatario provincial precisou que na última Xunta de Goberno do mes pasado, aprobouse destinar 1 millón de euros para acondicionar con aglomerado en quente o firme de 21 quilómetros de 11 viais, ao seu paso polos municipios de Taboada, Monforte, Riotorto, Foz, Pedrafita do Cebreiro e Guntín. Ademais, os proxectos inclúen a renovación dos sinais horizontais e verticais, para incrementar a seguridade viaria.
5,2 MILLÓNS PARA OUTROS 103 QUILÓMETROS
Con anterioridade, a Deputación viña de aprobar un investimento de 5,2 millóns de euros para acondicionar outros 103 quilómetros, pertencentes a 34 estradas de 19 concellos. “Somos a institución que máis inviste en obra pública na nosa provincia”, salientou Campos Conde.
OBRAS EN TABOADA E MONFORTE DE LEMOS
No sur lucense, serán algo máis de 18 quilómetros de firme os que se van acondicionar con estes investimentos. Os tramos corresponden a un total de 10 estradas, ao seu paso por Taboada, Monforte de Lemos, Sarria, O Incio e Ribas de Sil. O presidente provincial precisou o alcance de cada dunha destas actuacións.
Así, no municipio de Taboada, aprobouse acondicionar 3,2 quilómetros nas estradas LU-P-6001, de Taboada, por Adá á LU-213; LU-P-6004, do Alto de San Xulián a Castelo; e LU-P-6005, de Taboada a Adá, a Almuíña.
No caso de Monforte de Lemos, as obras mellorarán o firme de 3,2 quilómetros nos viais LU-P-3201  de Monforte a Sober; LU-P-3205 de Monforte a Reboredo, e LU-P-3203 de Monforte a Rozabales.
ACONDICIONAMENTO DO FIRME EN TRAMOS  PROVINCIAIS DE RIBAS DE SIL, SARRIA E O INCIO
No municipio de Ribas de Sil, a Deputación arranxará un total de 5 quilómetros da estrada LU-P-5302 de San Clodio a Casares.
Así mesmo, no concello de Sarria, as obras provinciais abranguerán o arranxo de 3,6 quilómetros no vial LU-P-5602 de Samos por Pintín a Sarria.
Outra das actuacións na rede viaria do sur lucense corresponde ao término municipal do Incio, no que se acondicionarán 3,6 quilómetros en dúas estradas, na LU-P-2503, do Incio por Vilarxoan á LU-P-5603 e  LU-P-2506, e na LU-P-5711 en Saa por Balbón a Pacios.
As partidas aprobadas en xaneiro polo organismo provincial inclúen obras en estradas que discurren por Foz, Riotorto, Guntín, Pedrafita do Cebreiro, Barreiros, Baralla, A Pontenova, Becerreá, Castroverde, Lourenzá, Meira, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Guitiriz, Navia de Suarna, Trabada, O Valadouro, Viveiro, Cervantes e A Pastoriza.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Xunta leva a 4 concellos do sur a campaña sobre riscos no tractor

Seguinte Nova

Núñez Feijóo visitou as instalacións da Cooperativa Aira en Taboada

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir aInicio

Don't Miss