Miles de persoas clamaron en Compostela contra a Lei de Saúde da Xunta

•A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública (PLADESAPU) de Monforte e a Xunta de Persoal do Hospital, acompañados por representantes locais dos partidos de esquerda, participaron nun lugar destacado na manifestación convocada a nivel autonómico o 4 de febreiro en Santiago

A pancarta de PLADESAPU Monforte ocupou os primeiros lugares na cabeceira da multitudinaria manifestación do 4 de febreiro en Santiago, en contra da nova Lei de Saúde da Xunta. EC
A pancarta de PLADESAPU Monforte ocupou un lugar destacado na manifestación do 4 de febreiro en Santiago. Na marcha, os representantes da Plataforma e da Xunta de Persoal estiveron acompañados, entre outros, polo alcalde de Monforte, José Tomé, a tenente de alcalde, Gloria Prada, e a concelleira non adscrita, Pilar López.
A manifestación, convocada a nivel autonómico por SOS Sanidade Pública, mobilizou en Compostela a milleiros de persoas, en contra da nova Lei de Saúde de Galicia e en defensa da sanidade pública. A convocatoria foi secundada por numerosos colectivos sindicais e profesionais das diversas Áreas Sanitarias, que pasarán a ser distritos dependentes dos grandes hospitais co novo texto legal. A reclamación do servizo de Pediatría para Chantada estivo presente na manifestación en Santiago.
A cabeceira da manifestación en contra a Lei de Saúde estivo integrada, entre outros, polos portavoces de En Marea e BNG no Parlamento de Galicia, Luís Villares e Ana Pontón, así como polo secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero.
Reclamación do servizo de Pediatría para Chantada na manifestación de Santiago. EC
Cabeceira da manifestación en contra da nova Lei de Saúde da Xunta, o pasado 4 de febreiro. EC

 

A multitudinaria manifestación do día 4 encheu as rúas de Compostela, en protesta pola Lei de Saúde da Xunta. EC

 

A reclamación do mantemento da Área Sanitaria de Monforte uniuse á doutras áreas de Galicia. EC

 

Os socialistas coinciden coas Plataformas en que «a Lei de Saúde é un problema que afecta a todos os lucenses»

•No encontro cos portavoces das Plataformas de Monforte e A Mariña, os responsables socialistas advertiron dos riscos da desaparición das áreas sanitarias

•Dende o PSOE lucense denunciaron que “o PP experimenta cos lucenses, quitando as áreas de Monforte, A Mariña e Lugo, pero non se atreve a facelo na Coruña ou Pontevedra”

Os membros da executiva socialista lucense, Álvaro Santos, José Tomé e Miguel Fernández, e a coordinadora socialista para a Mariña, Rocío López, no encontro cos representantes de PLADESAPU Monforte e A Mariña, o pasado 2 de febreiro. (F. cedida).
• A Lei de Saúde da Xunta está a ser criticada dende diversos sectores sociais e políticos, que coinciden en denunciar a redución de recursos e servizos que suporá para a provincia de Lugo. A comezos de febreiro, membros da executiva dos socialistas da provincia convocaron unha reunión de traballo cos representantes das Plataformas en Defensa da Sanidade Pública (PLADESAPU) de Monforte e A Mariña. Neste primeiro encontro, estiveron presentes o secretario xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, Álvaro Santos; o secretario de Sanidade da executiva provincial, Miguel Fernández; o vicesecretario xeral e alcalde de Monforte, José Tomé; e a coordinadora para a comarca da Mariña e alcaldesa de Lourenzá, Rocío López.
PRIVATIZACIÓN
Os socialistas xustificaron esta reunión porque “cremos que é preciso sumar esforzos para concienciar que esta Lei de Saúde que nos impón o PP non é só un problema da Mariña ou de Lemos, senón un problema de toda a provincia de Lugo”. Segundo explicou Álvaro Santos, “cando un especialista ou un médico de Lugo se teñan que desprazar aos hospitais comarcais, que cada día teñen menos recursos, non poderán atender aos pacientes da zona de Lugo”, o que suporá un incremento das listas de espera, “que nalgúns casos xa son de un ano”.
Os socialistas criticaron que “o PP quere implantar o mesmo modelo que levou a Madrid, privatizando os servizos e deixando, pouco a pouco, sen recursos á nosa sanidade pública”. •

•Na reunión, PLADESAPU Monforte alertou do “gran déficit de ata 27 sanitarios” no Hospital comarcal

• O encontro de traballo dos socialistas lucenses cos representantes das Plataformas puxo de manifesto as carencias que xa se detectan nos hospitais comarcais. “Levamos un ano coa falla dun especialista de Dixestivo, que non se cubriu, que ía a vir de Lugo”, explicou Francisca Vázquez, voceira de PLADESAPU Monforte, en referencia ás “mentiras” da Xunta respecto á anterior reforma sanitaria coas Estruturas de Xestión Integrada. “Agora temos outra falla, a dun cardiólogo, que novamente non se cubre”, lamentou. Vázquez destacou o problema que supón para a poboación de Lemos, “moi envellecida, ter que desprazarse a Lugo, co agravante das pensións moi baixas, e por riba sen transporte público, que tamén o suprimiron”.
Vázquez alertou do “gran déficit” de 27 sanitarios do Hospital, e do risco de que a desaparición das Áreas Sanitarias dé lugar a unhas listas de espera “moitísimo máis altas”. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Dobre sesión de Entroido na Pobra do Brollón, coa tradicional cita do Oso de Salcedo e o desfile polas rúas da capitalidade

Seguinte Nova

Novas iniciativas da Deputación en emprego: 188 novos postos de traballo no Ben Empregado 4, e posta en marcha da Axencia de Colocación

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: