•A atleta logrou o seu primeiro ouro en proba absoluta
O deporte monfortino está de noraboa. A atleta Saleta Fernández vén de proclamarse campiona de España de salto de altura, na proba absoluta celebrada o 18 de febreiro en Valencia. A monfortina, que milita no Valencia Esports, asinou o seu primeiro título absoluto, cun excelente salto de 1,82 metros. Saleta Fernández recibiu a medalla de ouro da súa compañeira e amiga Ruth Beitia, todo un símbolo nesta disciplina deportiva, e recentemente retirada da competición.
En Monforte, este importante logro na exitosa traxectoria deportiva de Saleta Fernández foi acollido con satisfacción. De feito, a concelleira do grupo non adscrito no Concello de Monforte, Pilar López, emitiu un comunicado para felicitar á deportista monfortina, e anunciar que vai solicitar «que as pistas de atletismo de A Pinguela pasen a denominarse Saleta Fernández». Ademais, Pilar López pedirá que se instale unha placa conmemorativa, «e que Saleta sexa homenaxeada polo importantísimo triunfo acadado».•