Preto de 200.000 euros provinciais para arranxar dúas rúas en Monforte

•As obras nas rúas do Conde e da Estrela están cofinanciadas pola Deputación e o Concello •Campos Conde salientou que as obras responden «á demanda dos veciños», en dous viais con «gran peso no conxunto da cidade»

O presidente da Deputación, Darío Campos, achegouse a Monforte para supervisar as obras nas rúas do Conde e da Estrela, a mediados deste mes. GPDL
 O Concello de Monforte está a reformar as rúas do Conde e da Estrela, co apoio económico da Deputación de Lugo. O organismo provincial achegou preto de 200.000 euros para financiar estas obras, cunha partida de 131.000 euros para os traballos na rúa do Conde, e outros 65.000 para a rúa da Estrela. Pola súa banda, o Concello destinou 43.000 euros para completar a primeira actuación, e 21.000 para a segunda. En ambos casos, as obras servirán para mellorar a accesibilidade aos veciños, así como para regular o tráfico e aumentar a seguridade vial.
GRAN TRÁNSITO DE PEÓNS E VEHÍCULOS
Para coñecer o avance dos traballos, o presidente da Deputación, Darío Campos Conde, achegouse a Monforte a mediados deste mes, acompañado pola deputada de Promoción Económica, Sonsoles López Izquierdo. Os responsables provinciais comprobaron as características das obras da man do alcalde de Monforte, José Tomé, co que estiveron tamén varios membros do equipo de Goberno local. O mandatario provincial subliñou que «estas obras responden a unha demanda dos veciños de Monforte, sobre todos dos residentes nestas dúas rúas». Campos Conde precisou «o gran peso» destes dous viais no conxunto da cidade, «pois son dúas rúas céntricas dentro do casco urbano da vila, cun elevando volume de tránsito peonil e rodado».
MÁIS ACCESIBILIDADE
Na rúa do Conde, estase a mellorar o acceso ás vivendas, unha mellora que pedían os veciños, xa que é unha rúa moi estreita e con estacionamentos irregulares. Outra das actuacións é o arranxo do firme, que estaba moi deteriorado e xeraba acumulacións de auga. Ademais, estase a rebaixar a calzada nos tramos en que coexista o tránsito de peóns e de vehículos.
O mandatario provincial destacou a importancia de arranxar a rúa da Estrela, por ser o eixo de unión entre os viais de Roberto Baamonde e Benito Vicetto, que actúan como entrada e saída da cidade. O proxecto de acondicionamento mellorará tanto a calzada como as beirarrúas. Alinearanse os bordillos, e renovarase o seu pavimento, con baldosas similares ao das rúas da contorna. Ademais, eliminaranse barreiras arquitectónicas para persoas con mobilidade reducida. En canto ao firme, aplicarase unha capa de aglomerado en quente, instalarase un sinal de carga e descarga na praza de confluencia con Doutor Fleming e un badén, ademais de prantas ornamentais. O estacionamento seguirá sendo á dereita subindo, e en batería na praza.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Goberno local de Sober instalará en Doade a primeira ecolagoa da Ribeira Sacra

Seguinte Nova

Máis seguridade no cruce das estradas autonómicas en Bóveda

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: