23 adegas participarán na XXXVIII Feira do Viño de Amandi

•O evento terá lugar en Sober os días 24 e 25 de marzo •Este ano, a Feira de Amandi estará adicada ao Concello da Pobra do Brollón

O miradoiro de Cadeiras acolleu a presentación do programa da XXXVIII Feira de Amandi, e do seu cartel anunciador, deseñado pola soberina Ana Santiso Vilar. GPCS
• A axenda de feira enolóxicas está a piques de comezar no sur de Lugo. Un dos eventos máis destacados pola súa longa traxectoria e o seu carácter emblemático sitúase en Sober. O municipio iniciou a conta atrás para a XXXVIII Feira do Viño de Amandi, que se celebrará o 24 e 25 de marzo. Con este motivo, o Concello está a organizar unha serie de actos complementarios dentro do Mes de Amandi.
A PAISAXE DE SOBER ANUNCIA A FEIRA
A programación completa foi presentada no marco paisaxístico do Miradoiro de Cadeiras, o 24 de febreiro, nun evento no que tamén se deu a coñecer o cartel que promociona a Feira, e que ten a paisaxe como motivo principal. No acto, conducido polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, estivo presente a autora do deseño gañador do Concurso de Carteis, a soberina Ana Santiso Vilar, cuxo traballo se impuxo aos 30 orixinais recibidos dende varios puntos de España.
Fernández Guitián, acompañado pola secretaria do Parlamento de Galicia, a soberina Raquel Arias, gabou o traballo dos adegueiros de Sober, presentes en Cadeiras, xa que fan posible “esta emblemática Feira”, ao elaborar “un produto único e excepcional que triunfa en competencia cos mellores viños do mundo”.
CRISTINA PATO, OS PARENTES E GIN TONI’S O SÁBADO 24 DE MARZO
A apertura da XXXVIII Feira do Viño de Amandi terá lugar o sábado 24 de marzo ás 12 horas, da man da Adega Guímaro, en lembranza de Concepción Pérez Marcos, para continuar coa música tradicional do grupo Érbedo. Logo da precata oficial, iniciarase a quenda musical da Feira de Amandi, cun concerto da Banda de Música de Sober ás seis e media, e o concerto de Cristina Pato,  a pregoeira deste ano, ás oito no Auditorio do Centro Sociocultural. Xa pola noite, Os Parentes actuarán na Praza do Concello ás dez, para dar paso aos Gin Toni’s a partir das once e media.
PREGÓN DE CRISTINA PATO O DOMINGO
O 25 de marzo, a charanga NBA e os pasarrúas animarán a mañá ata a misa solemne, ás once e media. Logo da recepción de autoridades e a actuación da Banda de Sober, terá lugar a lectura do pregón, á unha e media, a cargo de Cristina Pato, que dará paso á entrega de premios. A xornada da tarde rematará coa verbena da orquestra Suavecito, dende as sete e media.•

•A CULTURA E A ESENCIA DE SOBER, EN TRES EXPOSICIÓNS DURANTE O MES DE AMANDI

ENCINTADOS DE SOBER. Ata o 20 de abril pode verse no Centro Sociocultural de Sober a exposición “Figuras de antonte e de onte, figuras para o mañá”, realizada polo alumnado do IES A Pinguela de Monforte, baixo a dirección do profesor Manuel Vilar. O traballo, que recibiu o primeiro premio do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, convocado polo Museo do Pobo Galego, recolle paneis nos que se reproducen encintados decorativos de vivendas do municipio soberino.
SOBER A TRAVÉS DAS FOTOS DE FELIPE CASTRO. Dende o 17 de marzo ata o 20 de abril, a Oficina Municipal de Turismo de Sober acollerá a exposición “Sober Vivo”, con fotografías realizadas por Felipe Castro en torno ao patrimonio natural, cultural e etnográfico das terras soberinas.
VISIÓNS DO ESPÍRITO DA FEIRA DE AMANDI.  Do 23 de marzo ao 20 de abril, instalarase no Centro Sociocultural de Sober o conxunto de traballos enviados ao concurso de carteis da XXXVIII Feira do Viño de Amandi. Acompañando a esta exposición, poderán verse tamén os traballos participantes no concurso de debuxo infantil.•

•O MES DE AMANDI PARA OS MÁIS CATIVOS

ENOLOXÍA PARA OS MÁIS NOVOS. O luns 12 de marzo, o CEIP Virxe do Carme de Sober acollerá un taller de análise sensorial. A actividade, dirixida por Vinosacra.es, está destinada ao alumnado de 5º e 6º de Primaria.
VISITA AOS VIÑEDOS. O venres 16 de marzo, a sesión do programa Merendas con Contos que organiza a Biblioteca Municipal de Sober, incluirá unha visita a Adega Rectoral de Amandi. O grupo de participantes sairá da Praza do Concello ás seis da tarde. Con esta actividade, os nenos e nenas poderán coñecer de cerca os procesos para coidar as viñas e elaborar os viños. •

•OUTRAS ACTIVIDADES NO MES DE AMANDI

MÚSICA. As Xuventudes Musicais de Sober organizan no Centro Socioucultural dous eventos, que rematarán con degustacións de viños de Amandi. O sábado 10 de marzo, ás 20 horas, terá lugar o concerto a cargo do Cuarteto de Saxofóns Kebyart. O sábado 17, á mesma hora,  Yolanda Represas e Pablo Rodríguez ofrecerán un concerto de piano a catro mans.•
HÁBITOS SAUDABLES. Luisa Astray, educadora social da UAD de Monforte, falará sobre “Educación para a Saúde: medicación, alcol e condución”, dentro dos Faladoiros dos Luns, o 19 de marzo ás 16,30 horas no Centro Sociocultural. •
• FORMACIÓN. A Escola de Hostelería de Rosende acollerá unha xornada de maridaxe do viño de Amandi con Vacún de Galicia, o xoves día 15, de 12 a 14,30 horas. Na mesma Escola, o luns 19 terá lugar un seminario de servizo de viños para hosteleiros, ás 16 horas.
No Centro Sociocultural, a Evega organiza unha xornada técnica sobre uso do frío na elaboración de viños. Será o xoves 22, de 9,00 a 14,30 horas.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A XXXVI Feira do Viño de Chantada abre a ronda de festas enolóxicas do sur lucense

Seguinte Nova

A Deputación achegará 1,2 millóns para a residencia de maiores da Pobra do Brollón

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: