A Feira Medieval conmemorará cun espectáculo a refundación de Monforte como cidade no século XII

•Nesta edición, que se vai celebrar na fin de semana de Pascua, haberá máis actividades no campamento medieval e eventos nas prazas

O alcalde de Monforte, José Tomé, cos concelleiros Gloria Prada e José Luis Losada, presentou o programa da XVI Feira Medieval na Praza de Abastos. GPCM
Monforte homenaxeará o seu pasado como cidade na XVI Feira Medieval, evento que terá lugar o sábado 31 de marzo e o domingo 1 de abril. Nesta edición, conmemorarase cun espectáculo a concesión, no ano 1104, do título de cidade a Monforte, por parte dos Reis de España aos señores de Lemos. Segundo explicou o alcalde de Monforte, José Tomé, na presentación do programa festivo, esta decisión histórica trouxo consido, entre outras prerrogativas, a posibilidade de celebrar feiras e mercados á beira do Cabe. En memoria deste feito, os eventos da Feira Medieval incluirán o espectáculo “Refundación”, da man da compañía Queiman e Pousa, o sábado 31 de marzo ás doce da mañá, na Praza de España.
Xunto a esta novidade, haberá máis sorpresas en Monforte durante a fin de semana de Pascua. Na noite do sábado, a partir das nove, o espectáculo “A lenda das Meigas” terá lugar na zona do cruceiro da Praza de España, para facilitar a visibilidade por parte do público.
CAMPAMENTOS MEDIEVAIS
O alcalde explicou que tamén haberá novidades nos Campamentos Medievais. En canto ao que funcionará na Praza de España, este ano incorpora máis actividades, con exposicións de armas, panoplias militares, utensilios e vestimentas de época, ademais dos tradicionais obradoiros gratuítos para todos os visitantes. Este campamento está a cargo da Asociación de Recreación Históricoa Cabaleiros de Uulver. Así mesmo, o Campamento Medieval infantil trasladarase á praza das Clarisas, cun torneo medieval para os máis cativos, xogos da rá ou probas de zancos.
NOVAS LOCALIZACIÓNS
Tomé precisou que o programa de actos para a XVI Feira Medieval introduce dous cambios de localización en eventos de gran tradición. Por una banda, os exitosos paseos en burriña sairán da Praza Doutor Goyanes, debido ao maior tamaño do Campamento Medieval na Praza de España.
Outro cambio é o da exhibición das aves de rapiña. O benestar dos animais require un espazo aberto que lles evite estrés, e unha zona libre de cableado aéreo para permitir os vóos. De aí que se cambiara o emprazamento dende a Praza de España ata o Campo de San Antonio, que se estrea como sede deste vistoso espectáculo.
Ademais de en actividades, a Feira Medieval deste ano medra en número de participantes. Dos 100 postos da edición anterior pasarase a 117, dos que máis de 50 están adicados á artesanía, e o resto ofrecerán diversas ofertas en alimentación.
Estas novidades foron posibles, segundo Tomé, grazas a que o Goberno local incrementou en 6.000 euros a partida para a XVI Feira Medieval. •

•Actividades e espectáculos para todos os públicos na XVI Feira Medieval de Monforte

O Campamento Medieval da Praza de España estará aberto, mañá e tarde, os dous días da XVI Feira Medieval. Arquivo EC

A ampla axenda da XVI Feira Medieval ofrecerá en Monforte gran variedade de eventos para desfruta da fin de semana de Pascua. A programación completa pode consultarse na web www.monfortedelemos.es.

• CAMPAMENTO MEDIEVAL. O sábado 31 de marzo e o domingo 1 de abril, na Praza de España, de 10,30 a 13,45 horas, e de 16 a 20,30 horas. Os obradoiros comezarán ás 11 e ás 17 horas: esgrima antiga, tiro con arco, xogos baseados na obra de Afonso X O Sabio, fabricación de cota de malla, labores téxtiles para pezas medievais, scriptorium con técnicas de ilustración sobre pergamiño. Haberá exhibicións de oficios artesanais, forxa de armas e talla de madeira. Ademais, de 19 a 20 horas, realizarase un adestramento militar, práticas de esgrima e muro de escudos.
• AVES DE RAPINA. A agrupación Halconeros de Castilla estará a cargo desta actividade no Campo de San Antonio, o sábado e o domingo, con mostra e exhibición das aves de 11 a 14 horas, e de 17 a 20 horas. O espectáculo de cetrería desenvolverase ás 12,30 e ás 17 horas.
• TIRO CON ARCO. O adro da igrexa da Régoa seguirá ser o emprazamento das práticas de tiro con arco, a cargo do club Arco Lemos. Será de 11 a 14 horas, e de 16 a 19,30 horas, toda a fin de semana.
• CAMPAMENTO INFANTIL MEDIEVAL. A Praza das Clarisas, na rúa Santa Clara, acollerá este espazo, para desfrutar de balde dun torneo medieval, xogos da rá, péndulo, xogo da ferradura, damas, come bolas, tiro con bésta, zancos e sube a bóla. O horario será de 11 a 14 horas, e de 17 a 20 horas. As actividades están a cargo de Hípica Celta.
• XUSTAS MEDIEVAIS. A cuarta edición deste espectáculo terá lugar, como de costume, no campo de terra dos Escolapios. Ambientación musical e recreación de época farán gozar aos asistentes desta vistosa recreación das loitas medievais, a cargo de Hípica Celta.
• CONCURSO DE TRAXES. A concentración dos participantes no VI Concurso de Traxes Medievais terá lugar o sábado ás 16,30 horas na Praza de España. O xurado realizará a valoración, e procederase ao nomeamento de Donas e Cabaleiros das Mesnadas do Cabe, pola moi leal e nobre Orde dos Cabaleiros do Camiño. O desfile polas rúas empezará ás 17 horas.
• PREMIOS Á AMBIENTACIÓN MEDIEVAL. Tamén o sábado, xa ás 20 horas, entregaranse os premios dos concursos de traxes, decoración de balcóns e de establecementos.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Novos investimentos da Deputación para arranxar estradas en 6 municipios do sur lucense

Seguinte Nova

Conta atrás para a celebración da XXXVI Feira do Viño de Quiroga

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: