A Ribeira Sacra aguantou o mal tempo da Semana Santa cun 70% de ocupación

•Dende o Consorcio de Turismo dan por boa esta cifra, aínda que supón un 7% menos do previsto, debido á climatoloxía desfavorable

A Feira Medieval de Monforte, e os eventos enolóxicos de Amandi e Quiroga, supoñen importantes atractivos turísticos da Semana Santa no sur de Lugo. EC
A climatoloxía adversa non puido frear o interese dos visitantes por desfrutar da paisaxe e dos atractivos da Ribeira Sacra. Aínda que as previsións de reservas eran moi boas, dende o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra dan como «bo resultado» o 70% de ocupación media, un 7% inferior ao que se esperaba, debido ás cancelacións de última hora. Por categorías, a ocupación máis alta rexistrouse nos hoteis de 3 e 4 estrelas, que acadaron un 77,34%, seguidos polo turismo rural, cun 69,40%. O resto dos establecementos remataron a tempada de Semana Santa cun 63,13% de ocupación.
O TURISMO RURAL SUPEROU AS EXPECTATIVAS NOS DÍAS CENTRAIS DA SEMANA SANTA
Por outra banda, dende o Consorcio de Turismo salientaron o pico de ocupación que se detectou durante os días centrais da Semana Santa, chegando ata o 89% no turismo rural, e acadando o 83% no total de establecementos. Estes datos permitiron ao turismo rural cumprir as expectativas e incluso, nalgún caso, superar as previsións.
A RIBEIRA SACRA, A ZONA DA PROVINCIA CON MÁIS VISITANTES NESTA SEMANA SANTA
Por zonas, e segundo os datos ofrecidos pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (APEHL), a Ribeira Sacra foi  o territorio da provincia con maior número de visitantes, cunha media do 95%, seguida pola Mariña, cun 90%. Por detrás situouse Lugo, cun 85% de visitantes, dato que baixou ata o 80% nas comarcas de Terra Chá, Sarria e A Ulloa, e situouse no 70% na Montaña lucense.
OCUPACIÓN MEDIA NA PROVINCIA «MOITO MENOR» QUE EN ANOS ANTERIORES
A información aportada pola APEHL fala dun descenso xeralizado na provincia de case un 10% respecto aos visitantes da pasada Semana Santa. A causa, segundo explicaron dende a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo, debeuse ás cancelacións por mor do mal tempo. Con todo, a ocupación media consignada pola APEHL foi do 83%, «moito menor» que en anos anteriores.
PROCEDENCIA
Entre os establecementos consultados pola APEHL, destacaron como días clave de ocupación o Xoves e o Venres Santo. As mesmas fontes confirmaron que o 98% dos visitantes que fixeron parada nestes días na provincia de Lugo procedían de Madrid, Cantabria e País Vasco.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O PP provincial destaca que Lugo é unha das provincias máis beneficiadas dos Presupostos do Estado

Seguinte Nova

A Xunta pagou o ano pasado máis de 91 millóns da PAC na provincia de Lugo

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir aInicio

Don't Miss