A programación cultural da Deputación de Lugo para este ano está a contar cun novo éxito de público. A exposición temporal «Colección Álvaro Gil Varela, Paixón pola Arte», que dende primeiros de ano e ata o 15 de abril puido verse no Museo Provincial, acadou máis de 7.000 visitantes. A deputada de Cultura, Pilar García Porto, cualificou esta cifra de «auténtico éxito», nunha mostra na que se puideron ver obras de Zuloaga, Murillo, Zurbarán, Sorolla, Ribera ou Rosales.
FOMENTO DO TURISMO CULTURAL NA NOSA PROVINCIA
A exposición ofreceu un total de nove visitas guiadas, que contaron cunha gran acollida. García Porto destacou o acerto da programación que está a desenvolver o organismo provincial «con actividades, exposicións e visitas ao longo de todo o ano, co obxectivo de aproveitar e divulgar o noso patrimonio material e inmaterial, ao tempo que fomentamos o turismo cultural”.•
CALENDARIO DE EXPOSICIÓNS NA REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL DE LUGO
O 24 de abril inaugurouse unha colección de gravados de Picasso a Annish Kapur, cun repaso dende as vangardas do século pasado ata o postmodernismo de finais dos 90. A mostra integra pezas de Picasso, Warhol, Dalí, Tapiès e Saura, entre outros artistas.
Na mesma data, abrirarse a exposicións dos traballos do alumnado da Escola de Artes Ramón Falcón, no refectorio do Museo Provincial de Lugo.
Tamén quedou inaugurada, a mediados deste mes, unha exposición con creacións de Luís Seoane. A mostra suma pezas de varias técnicas, como óleos e gravados, ademais de produción editorial e cerámica vinculada aos deseños de Sargadelos.•
A FAMILIA LÓPEZ GIL DOA Á DEPUTACIÓN A OBRA DE CORREDOIRA «FAME EN LUGO», DE 1910
O acto de recepción da obra tivo lugar o pasado 9 de abril, coa asistencia de Carlos López Gil, representante dos herdeiros de Álvaro Gil Varela, ademais da deputada de Cultura, Pilar García Porto, e do presidente da Deputación, Darío Campos Conde. O mandatario provincial agradeceu «de xeito profundo e sinceiro» á familia López Gil a súa xenerosidade por esta doazón.
Campos Conde salientou que «nestes intres, a Deputación conta con máis de 30 obras de Corredoira», artista lucense que foi bolseiro do organismo provincial. Esta doazón permitirá, segundo Campos Conde, «contribuír á posta en valor aos artistas lucenses e á nosa cultura». •