A Gala do Deporte celebrarase o 8 de xuño na Casa da Cultura de Monforte

• Entregaranse os premios aos protagonistas deportivos da tempada en oito categorías

Reunión do xurado da Gala do Deporte Concello de Monforte, o pasado 14 de maio. GPCM
A Gala do Deporte Concello de Monforte xa ten data. O evento que homenaxea aos protagonistas deportivos do ano na cidade do Cabe terá lugar o venres 8 de xuño, ás oito e media da tarde, na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte.
O xurado dos premios reuniuse o pasado 14 de maio para escoller aos que consideran os protagonistas máis destacados nun total de oito categorías. Como novidade deste ano, o xurado poderá conceder un premio á Excelencia Deportiva a aqueles candidatos que presenten méritos deportivos sobresaíntes.
O xurado desta edición da Gala do Deporte estivo constituído polo alcalde de Monforte, José Tomé, os periodistas de La Voz de Galicia e El Progreso, Luis Conde e Miguel Piñeiro, e o xornalista da Cadena Ser Xosé Antonio Díaz. Completaron o xurado Manuel Otero, xefe de Deportes da Xunta en Lugo, e Pablo Rivera, deputado provincial de Deportes. Actuou como secretario Óscar Rodríguez, técnico de Deportes.
CATEGORÍAS ABSOLUTAS E PROMESAS
Na categoría de mellor deportista masculino absoluto, concurren o piragüista Manuel Freire, o golfista Manuel Hernández, e os taekwondistas Alex Camba, Carlos Rey e Junior Martínez. En categoría feminina absoluta, presentáronse como candidatas as atletas Sonsoles Martín e Saleta Fernández, e a taekwondista Elena Varela.
Na modalidade promesas, optan na categoría masculina Mauro Casas en pesca, Aitor Teijeiro e Alejandro Fernández en taekwondo, e Ismael Pérez en natación.
En categoría feminina, as candidaturas presentadas corresponden a Carmen Suárez en baloncesto, Zeltia López en pesca, Laura Álvarez en taekwondo, e Lucía Varela en natación.
ADESTRADORES, ÁRBITROS E CLUBES
Os premios da Gala do Deporte recoñecerán tamén a labor dos adestradores. A este galardón optan Jorge Enrique Acosta en baloncesto, Antonio García en pesca, e José Mª Vega en taekwondo.
Na categoría de árbitros, compiten as candidaturas de Andrea Pérez e Gonzalo Gómez.
MELLOR CLUB E XOGO LIMPO
A Gala do Deporte Concello de Monforte premiará ao mellor club da cidade. Nesta categoría, presentáronse as candidaturas da Sociedade Val de Lemos de pesca, Club Natación Monforte, Club Quixós de piragüismo, e Club Neka de taekwondo.
Por último, na categoría de deportividade e xogo limpo, optan o CB Val de Lemos e Diego Mantilla de natación.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Gimnasio Fitsa CB Sarria alzouse como campión da Primeira División feminina Autonómica

Seguinte Nova

Saleta Fernández, récord galego de salto de altura

Últimas noticias sobre DEPORTES

A %d blogueros les gusta esto: