A programación das XXXI Xornadas da Rota do Románico de Pantón ten continuidade durante o mes de xuño. A conferencia de Teresa Moure, doutora en Historia da Arte, sobre “O declive e desaparición dos mosteiros benedictinos femininos na Ribeira Sacra a finais da Idade Media”, terá lugar o 1 de xuño, ás oito, no Salón de Actos do Concello.
A tradicional cita coa música de cámara ocupará a xornada do 10 de xuño, na VII Edición da Sinfonía do Mosteiro, a cargo do Grupo de Cámara Trío Provenza, na igrexa do Mosteiro de Ferreira.
Literatura, turismo e natureza daranse a man nas últimas actividades destas Xornadas da Rota do Románico. O 17 de xuño presentarase a terceira edición de “Pórticos do gozo, Poemas a Pantón”, de Xosé Lois García. Os versos do chantadino unirase aos de Manuel María nun roteiro poético e artístico polas ribeiras do Miño, Sil e Cabe, o día 23. Xa o 24, presentarase a guía turística de Pantón de José Salgado, fotógrafo e xornalista. As Xornadas rematarán coa actuación da solista Eugenia Sanmartín, no Convento de Ferreira.•