•O alcalde fixo entrega deste recoñecemento nun acto oficial celebrado no Consistorio quirogués, coincidindo co Día das Letras Galegas
O Concello de Quiroga nomeou a Celia Díaz Núñez como Filla Adoptiva nun acto oficial celebrado no Salón de Plenos do Consistorio o 17 de maio. A escritora e profesora, nacida no Páramo, reside en Ourense, cidade na que exerce a docencia de Lingua e Literatura nun instituto de Secundaria. Como escritora, recibiu varios galardóns, entre eles dúas edicións do Premio Pura e Dora Vázquez.
Nun emotivo acto, Celia Díaz Núñez agradeceu ao Concello quirogués este recoñecemento, cun discurso no que trazou un percorrido sentimental da súa infancia e mocidade en Quiroga, terra da súa nai.
Na súa intervención, o alcalde, Julio Álvarez, destacou a labor de Celia Díaz como autora dunha literatura “na que Quiroga sempre está presente”. O rexedor salientou o discurso da homenaxeada, “que convertiu este acto nun dos máis fermosos cos que se ten celebrado neste Concello o Día das Letras Galegas”.•