Presentan a segunda edición do Festival 17º Ribeira Sacra

•Esta cita internacional celebrarase en espazos emblemáticos de sete concellos do 27 de xullo ao 5 de agosto

Responsables institucionais e da organización presentaron no embarcadoiro de Doade a segunda edición do Festival 17º Ribeira Sacra, o pasado 31 de maio. GPDL
«Moi potente» é o calificativo co que se presentou a segunda edición do Festival 17º Ribeira Sacra, en palabras do seu director, Carlos Montilla. A cita musical desenvolverase durante dúas fins de semana, do 27 de xullo ao 5 de agosto, en espazos singulares de sete concellos da Ribeira Sacra. Os detalles do Festival foron dados a coñecer nun acto celebrado no embarcadoiro de Doade o 31 de maio, coa presenza de varios alcaldes da contorna e do presidente da Deputación.
EXPERIENCIA QUE REÚNE VIÑO, PAISAXE E MÚSICA EN DIRECTO
Monforte de Lemos, Chantada, Sober, Ourense, Castro Caldelas, A Teixeira e Nogueira de Ramuín acollerán os diversos concertos, en escenarios naturais e monumentais de especial relevancia no territorio. Deste xeito, o Festival 17º Ribeira Sacra propón «unha experiencia ao redor da música en directo e do viño, nunha zona de excelencia vitivinícola, e tamén do patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra», precisou Montilla.
O mapa musical desta edición inclúe como escenarios para os concertos o Parador de Monforte, o Mirador de Santiorxo, o Castelo de Castro Caldelas, o Parador de Santo Estevo e a Praza de España de Chantada. As localizacións musicais complementaranse con visitas guiadas polos municipios, así como ás adegas Rectoral de Amandi, Regina Viarum, Rectoral de Gundivós e Adega Algueira. Nestes espazos, os visitantes poderán participar en catas comentadas con degustación de produtos típicos.
COQUE MALLA, CABEZA DE CARTEL
O cartel musical, «moi variado», segundo destacou o director do evento, estará encabezado por Coque Malla, artista con máis de 30 anos de carreira dende os seus inicios cos Ronaldos. Malla presentará o seu último traballo, titulado «Irrepetible». Montilla tamén anunciou a presenza nos escenarios da Ribeira Sacra de Elvis Perkins, cantautor e guitarrista de folk pop indie ao que comparan con lendas do calibre de Bob Dylan ou Leonard Cohen. Ademais, o programa do Festival 17º Ribeira Sacra contará coas actuacións de Freedonia, De Vacas, Ghost Beast, Fuckaine, Puerto Candelaria e Ten Fé, entre outros intérpretes.
ESPÉRANSE MÁIS DE 3.500 PERSOAS
En canto ao impacto deste Festival na zona, dende a organización esperan máis de 3.500 persoas de toda Galicia, o que suporá un volume de negocio para a provincia de máis de 250.000 euros, así como máis de 60 postos de traballo directos e indirectos.
PATROCINADORES DO EVENTO
O Festival 17º Ribeira Sacra conta co apoio de todos os concellos que acollen espectáculos do programa, así como do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Agadic e Galicia Calidade. Ademais, o Concello de Monforte aportou 5.000 euros e a cesión de espazos para acampada, mentres que a Deputación de Lugo achegou máis de 24.000 euros, «dentro da súa aposta por impulsar o turismo e a economía da zona», segundo precisou en Doade o presidente do organismo provincial, Darío Campos.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Deputación inaugurou o Centro de Recría na Granxa Gayoso Castro

Seguinte Nova

A Xunta investirá 1,2 millóns de euros no novo centro de saúde do Saviñao

Últimas noticias sobre EVENTOS

Ir aInicio

Don't Miss