CAMPAMENTO DE VERÁN EN BÓVEDA
Para información sobre actividades e inscrición, están dispoñibles os teléfonos 982 426177 e 618 654078, e o correo cultura@concellodeboveda.com.
Dentro das actividades para os máis cativos, o Concello de Bóveda organiza a festa de fin de curso, o venres 22 de xuño ás 19,30 horas. O Centro Sociocultural acolle unha sesión de música tradicional, ademais dunha merenda e o espectáculo “A biblioteca máxica”, a cargo de Payaso Piruleta & Cía. •
ACTIVIDADES PARA TODOS NO PROGRAMA DE VERÁN DE PANTÓN
A Programación de Verán do Concello de Pantón iniciouse o día 19 deste mes cun roteiro poético para o alumnado do CEIP Monte Baliño, actividade que volve a celebrarse, para o público en xeral, o sábado 23 de xuño, con saída ás 9 da mañá dende a Praza do Concello.
O domingo 24 terá lugar no xardín do Mosteiro das Bernardas a presentación da guía “Pantón: Naturaleza, arte y espíritu”, coa actuación de Eugenia Sanmartín, a partir das sete da tarde. Para o público familiar está pensada a actividade do sábado 30, data na que actuará o Mago Carlos. Será ás 22,30 horas, na Praza do Concello en Ferreira.
Xa no mes de xullo, a Praza do Concello acollerá, o sábado día 7 ás 22,30 horas, a actuación do grupo etnográfico As Mariñas, procedente de Ferrol. No mesmo espazo, terá lugar o sábado 14 de xullo a actuación do grupo Aureas, dende as 23 horas. A programación en xullo completarase coa actividade “O Cataventos”, na Biblioteca Municipal, o martes 24 ás 12 horas.•
CAMPAMENTOS DE VERÁN EN QUIROGA
O Concello de Quiroga organiza os Campamentos de Verán, para nenos e nenas de 3 a 12 anos. As actividades dos Campamentos de Verán iniciaranse o luns 2 de xullo, e prolongaranse ata o venres 31 de agosto. O horario abrangue dende as 11 ata as 14 horas.
Os Campamentos de Verán de Quiroga inclúen actividades variadas, dende reciclaxe ata manualidades, con obradoiros, xogos e piscina.
As persoas interesadas poderán anotarse na Casa da Cultura ata o venres 29 de xuño. •
Arranca o Programa de Verán de Quiroga
Os días 26, 27 e 28 de xullo, terá lugar un obradoiro de cómic e debuxo para nenos, organizado pola Área de Educación.
Xa no mes de xullo, continuará exposta a mostra de fotografía da Asociación Albores, que vén de percorrer diversos municipios da Ribeira Sacra.
Ademais, o 1 ao 17 desenvolverase o Xeocampo de Traballo de Quiroga, en colaboración coa Xunta de Galicia.
Os máis novos tamén poderán desfrutar e aprender nos seus días de vacacións, con varias citas deportivas pensadas para eles. Do 9 ao 14 de xullo, terá lugar o XII Campus de Fútbol, e do 16 ao 20, o I Campus de Voleibol Concello de Quiroga.•