O Concello de Sober incrementa en case 400.000 euros os Orzamentos para este ano

•Con estas contas, que ascenden a 2.948.000 euros, o Goberno local non sube impostos e fai “unha forte aposta” polo emprego

Os Orzamentos de Sober para 2018 foron aprobados no Pleno do mes pasado, cun total de 2.948.000 euros. Arquivo EC
No Pleno do mes pasado, o Concello de Sober deu luz verde aos Orzamentos para 2018, que ascenden a 2.948.000 euros. Esta cifra incrementa en case 400.000 euros o presuposto global que manexou este municipio o ano pasado. Segundo destacou o alcalde, Luis Fernández Guitián, estas contas son “abertas”, con moitas partidas xeralizadas en case todos os departamentos, e nas que pode facerse gasto corrente ou pequenas inversións que se precisen.
Por outra banda, Guitián salientou a “forte aposta” polo emprego, e sen necesidade de recurrir á subida de impostos.
MÁIS PLANTILLA E HORAS PARA O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR
No detalle das contas, Guitián precisou que o gasto social contará con 600.000 euros, mentres que haberá máis de un millón para investimentos reais. O alcalde explicou que se vai aumentar o Servizo de Axuda no Fogar, incorporando dúas novas auxiliares á plantilla de traballadores, e incrementando o número de horas de libre concorrencia. Para cubrir o coste deste novo persoal, vaise recurrir a unha ampliación de crédito.
EMPREGO 
No eido do emprego, as contas de Sober para 2018 destinan 54.000 euros ao DepuEmprego, ademais dunha asignación para un obradoiro de emprego, e está prevista a aprobación dunha ordenanza para axudas a emprendedores. O Concello de Sober disporá así mesmo da financiación total de dous operarios do programa Aprol  Rural da Xunta, outros dous da Risga, así como un socorrista, un auxiliar de Protección Civil e 10 operarios para dúas brigadas antiincendios.
No referente á débeda, o Orzamento prevé chegar a decembro de 2018 con menos de 100.000 euros, cando en 2012 a débeda rondaba os 400.000 euros.
INVESTIMENTOS
No apartados de infraestruturas, o Goberno local de Sober continúa cunha partida similar á do ano pasado para o mantemento das depuradoras rurais, o que permitirá telas en perfectas condicións. Ademais, as contas deste ano  inclúen preto de 450.000 euros para ampliar a rede de abastecemento, e outros 75.000 euros para dar continuidade ás obras do saneamento de Doade.
En investimentos, Sober reserva máis de 300.000 euros para mellora de camiños, dentro do Plan Marco da Xunta, e as achegas das administracións para accesos a viñedos, ademais de contar cunha axuda da Consellería de Presidencia para a rúa de Belán, e a urbanización do barrio de Figueiroá con cargo ao ARI.
En turismo, o Goberno local destinará 150.000 euros para mellorar os miradoiros de Souto Chao, Os Chelos e Pena do Castelo, e para manter diversos recursos turísticos, como a área arqueolóxica de Proendos.
En canto ao Plan Único da Deputación, Sober vai destinar 5.000 euros á Feira do Viño, 54.000 a emprego, 26.000 euros ao Servizo de Axuda no Fogar, e 235.000 euros para obras de abastecemento de auga.
Dende o Goberno local salientaron que non se van subir os impostos. Tamén recoñeceron un aumento nos ingresos por auga e saneamento, porque hai máis abonados, e polo lixo, ao estarse a realizar un control dos cobros. Así mesmo, medran os ingresos por IBI debido ao cobro dos atrasos da Deputación. •

MÁIS AXUDAS PARA OS EQUIPOS DE FÚTBOL E FESTAS NAS PARROQUIAS
Outras partidas destacadas polo alcalde son a ampliación da dotación para as becas de transporte universitario, decisión que se materializa por segundo ano consecutivo, ademais de aumentar as achegas aos clubes de fútbol, Banda de Música e festas parroquiais.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Axudas da Xunta por case 162.000 euros para o polígono do Reboredo en Monforte

Seguinte Nova

Convenio de 340.000 euros entre a Xunta e o Concello de Pantón para o abastecemento en Tribás

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: