420.000 euros para construír o camping municipal de Ribas de Sil

• A Deputación achegará 100.000 euros, e o Concello o importe restante con remanentes de anos anteriores

• O camping, que terá capacidade para 100 persoas, contará cunha zona de acampada, unha para autocaravanas, e outra con 8 bungalós

O deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, supervisou o inicio das obras da primeira fase para a construción do camping municipal de Ribas de Sil, acompañado polo alcalde, Miguel Sotuela, e o tenente de alcalde, Roberto Castro, o pasado 12 de xullo. GPDL
O camping municipal de Ribas de Sil comeza a ser unha realidade. O «investimento máis importante na historia do Concello», segundo afirmou o alcalde, Miguel Sotuela, acada os 420.000 euros, dos que a Deputación aporta 100.000 e o resto serán fondos propios do Concello, obtidos de remanentes de anteriores exercicios.
A PRIMEIRA FASE COMPLETARASE A MEDIADOS DE 2019
As obras botaron a andar a mediados de xullo, cunha primeira fase na que se vai urbanizar o espazo do camping, con xardíns e as correspondentes instalacións eléctricas e de auga, ademais de levantar os edificios de uso común para a cafetería- restaurante, a recepción e os aseos. Tal e como indicaron os responsables municipais, esta primeira fase das obras estará completada a mediados do vindeiro ano.
Sotuela destacou «as grandes expectativas» que o Concello ten depositadas neste proxecto, e que están fortemente vinculadas «á consecución do distintivo internacional de Xeoparque para o conxunto Montañas do Courel». Sotuela aproveitou a visita do deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, para agradecer «o esforzo e a colaboración da Deputación para que este proxecto poida saír adiante».
Santos salientou que o camping será «unha gran oportunidade de hospedaxe para Ribas de Sil», ademais dunha «alternativa sostible para ampliar a oferta hoteleira orientada á futura creación do Xeoparque Mundial da Unesco», proxecto no que Ribas de Sil está vinculado xunto aos municipios de Quiroga e Folgoso do Courel.
A segunda fase do camping, situado preto da ponte sobre o río Sil e a área recreativa, inclúe a construción de 8 bungalós cunha superficie de 36 metros cadrados cada un. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Presentan o proxecto da residencia da Pobra do Brollón, que dará servizo a 30 maiores

Seguinte Nova

Os viños rosados da Ribeira Sacra terán o selo da Denominación de Orixe

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: