Máis dun millón de euros para mellorar 108 pistas do rural de Monforte

• O alcalde, José Tomé, destacou que “este é o maior investimento realizado ata agora polo Goberno local en obras rurais nun só ano”

O alcalde de Monforte, José Tomé, e o concelleiro de Servizos, José Luis Losada, na presentación das obras. GPCM
O Goberno local de Monforte vai destinar máis dun millón de euros para obras de mellora en 108 pistas rurais. O alcalde, José Tomé, destacou que este proxecto beneficiará a todas as parroquias, e tamén á periferia da cidade. “Con esta inversión, e coas actuacións que xa se fixeron estes anos, demostramos o noso compromiso coa xente que vive nas parroquias”, salientou. Ata agora, o Goberno local leva acondicionadas máis de 80 pistas e camiños, e coas novas previsións, superaranse os 200 viais asfaltados. Tomé anunciou que, unha vez rematado o proceso de licitación, os traballos comecen a principios de setembro.
OBRAS PRINCIPAIS E NA PERIFERIA
Segundo explicou o rexedor local, preto de 188.500 euros destinaranse ao acondicionamento con aglomerado en quente da rúa Vigo, travesía de Cobas, Abeledos-Fabeiro, rúa Extremadoiro, a parte final da rúa Juan Montes, a pista de Piñeira entre o río e a vía do ferrocarril, e a de Pacios en Ribasaltas, dende o campo de golf á estrada do Morín.
Nun segundo lote de actuacións, para o que o Concello destina algo máis de 138.600 euros, está incluído o arranxo de 20 pistas da periferia de Monforte.
ARRANXOS EN TODAS AS PARROQUIAS
Xa no ámbito das 26 parroquias do municipio monfortino, actuarase en tres pistas de Baamorto, catro en Bascós e na que une Bascós e Sindrán por Carranchousa e Campo de Abaixo, ademais doutras catro en Caneda. Tamén se vai acondicionar a pista de Catro Camiños no Chao de Fabeiro, dúas pistas en Distriz e tres en Fiolleda.
En Gullade, os arranxos faranse en A Cha, ademais de en cinco viais de Marcelle. Na parroquia de Moreda, o Concello acondicionará catro pistas, tamén a de Camporrío en A Parte e a de Penela na parroquia do mesmo nome. En Piñeira, executaranse obras en seis viais, ademais da pista Regueira -Santa Lucía, entre Piñeira e Guntín. En Reigada e Ribasaltas, actuarase en tres pistas de cada unha destas parroquias. Tamén se vai arranxar a pista Costaneiro-Salgueiros en Rozavales.
Así mesmo, serán cinco as pistas que se acondicionarán en San Julián de Tor, e outras tantas en Santa Mariña.  O Concello tamén arranxará dous viais en Seoane, outros tantos en Sindrán, o de Tor na parroquia de San Juan de Tor,  así como catro pistas na Vide e tres en Vilamarín. O proxecto inclúe tamén a pista de acceso a Vilamarín dende a estrada de Rozavales.
OUTROS TRABALLOS
O alcalde fixo tamén referencia aos traballos do equipo de rego e limpeza de cunetas da Deputación na pista de Ribasaltas dende Vilanova ata o campo de golf, a pista de Nocedas, a de A Parte dende a estrada vella de Lugo, os accesos ao Alto de Chavaga, o núcleo de Bascós e os accesos a Sindrán. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Novos investimentos da Deputación en estradas por 1,3 millóns de euros

Seguinte Nova

O verán en Sober ofrece propostas de lecer nas instalacións das Piscinas Municipais

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: