•No sur de Lugo, esta iniciativa da Deputación deu lugar a 96 novas ocupacións nos 19 concellos
• Nos 3 anos que leva funcionando, o DepuEmprego xerou 523 postos de traballo • 6,6 millóns de euros foi o investimento da Deputación no programa
As iniciativas para a xeración de emprego que está a desenvolver a Deputación de Lugo continúan tamén no verán. O programa provincial DepuEmprego vén de xerar 308 novos postos de traballo en 63 concellos, e que no sur de Lugo suman un total de 96 novos empregos.
Segundo lembrou a deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, este plan vai dirixido a concellos de menos de 20.000 habitantes, e conta cunha dotación de 3,5 millóns para sufragar os custos laborais dos novos empregados. As súas tarefas servirán para reforzar os servizos públicos que presta cada concello.
39 POSTOS EN LEMOS
Na comarca de Lemos, este plan da Deputación creou o mes pasado 39 novos empregos. O municipio do Saviñao foi o concello máis favorecido, con 10 postos, dos que 4 son peóns e 2 limpiadores, e os restantes inclúen tarefas diversas, como monitor de tempo libre ou auxiliar administrativo. Pola súa banda, en Sober xeráronse 9 postos de traballo, con perfís diversos, dende un auxiliar de viticultura a un técnico de medio ambiente, entre outros. No Concello de Pantón contratáronse 8 novos peóns, e na Pobra do Brollón un total de 7 traballadores, para desempeñar funcións de condutor e peón de desbroces. Pola súa banda, Monforte dispón dun novo oficial de xardíns, un oficial electricista e un auxiliar administrativo. Por último, rexistráronse dúas contratacións de operarios de servizos múltiples en Bóveda.
MÁIS DUNHA DUCIA EN CHANTADA
Dentro do DepuEmprego, o Concello de Chantada dispón de 6 novos traballadores, dous dos cales son peóns especialistas, un palista e tres condutores de maquinaria. Carballedo contratou a 3 peóns de obras e un técnico de turismo, e Taboada dous oficiais, un monitor de deportes e un peón.
16 EMPREGOS NA ZONA DE QUIROGA
No concello de Quiroga, creáronse media ducia de postos, que inclúen un operador de cámara, un peón de servizos múltiples ou un animador sociocultural, entre outros. Ribas de Sil tamén conta con 6 novos traballadores, dos que 4 son peóns, ademais dun arquitecto e un condutor. En Folgoso, son 4 os novos contratados, dous deles peóns, un animador turístico e un auxiliar administrativo.
27 NOVOS POSTOS NA COMARCA DE SARRIA
No Concello de Láncara fixéronse 7 contratos, 5 dos cales son peóns de servizos múltiples. No Páramo, dispoñen de 4 peóns e un arquitecto, e en Samos contrataron a 4 peóns de obras. Tamén no Incio contan con 3 novos peóns, e outros tres foron contratados en Paradela. En Sarria, o Concello dispón dun técnico de turismo, outro de administración xeral e un dinamizador cultural. Por último, o DepuEmprego xerou 3 novos postos de peón en Triacastela.•