• Este ano, a Feira coincide na fin de semana do 11 e 12 de agosto • O exitoso Túnel do Viño, estreado na pasada edición, trae á Feira un dos atractivos máis salientables de Sober
Os atractivos para visitar Sober este verán teñen na gastronomía un dos seus puntos fortes. Dende hai 23 anos, o Concello está a poñer en valor a rosca de Millán, un produto que estaba a piques de desaparecer e que, nos últimos anos, parece recuperar protagonismo dentro dos sabores destas terras. Como proba, Sober pasou de ter só un rosqueiro a contar con catro, que ofrecerán as pezas cocidas nos seus fornos durante a XXIII Feira da Rosca de Sober, do Mel e outros Produtos da Ribeira Sacra, na fin de semana do 11 ao 12 de agosto.
A ROSCA, UN PRODUTO CON MOITA TRADICIÓN NAS CASAS E CON FUTURO NOS RESTAURANTES
Este evento remarca o seu carácter de reivindicación gastronómica a través das diversas novidades que se foron incorporando nas sucesivas edicións. Segundo explicou o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, a rosca sempre foi, e aínda é, un alimento presente nas casas soberinas. A este doce sácanlle todo o partido posible, xa que se toma como entremés e como postre, e o que queda vaise aproveitando para os pequenos almorzos ou a merenda. “É importante que os cociñeiros de prestixio saiban isto, para poder poñer en valor a rosca de Sober”, precisou Guitián. Este é o obxectivo do showcooking que ofrecerá Carlos Javier González, chef do Restaurante Merenzao, na tarde do sábado 11 de agosto. González amosará as diversas posibilidades da rosca de Sober no restaurante, nunha sesión aberta ao público a partir das 19,30 horas no Centro Sociocultural.
DEGUSTACIÓN DE ROSCA O SÁBADO POLA NOITE E O DOMINGO A MEDIODÍA
Para que os visitantes coñezan o sabor deste produto, o Concello ofrece dúas degustacións de rosca. Na noite do sábado, logo da actuación musical do grupo Vai en Concerto ás dez, comezará ás once a primeira degustación gratuíta de rosca, nesta ocasión con licor café e con mel. Este é, precisamente, un dos produtos da contorna que se vén a incorporar á feira de agosto. En total, serán 16 postos de produtos das terras soberinas, traídos por tres rosqueiros, dous oleiros de Gundivós, dous meleiros, catro artesáns, tres queixerías e dous produtores de elaborados de castaña.
A segunda degustación será o domingo á unha, cando se van repartir 2.000 racións gratuítas de rosca acompañada de queixo. A mañá do domingo día 12 iniciarase coas bombas de palenque ás dez, e unha demostración de cestería en vivo a partir das dez e media.
EXPOSICIÓN DE GALIÑAS DE RAZAS PURAS
Como novidade, este ano a Feira da Rosca de Sober acollerá a presentación da Asociación de Avicultores Artesanais da Ribeira Sacra, a primeira que se constitúe na provincia de Lugo. Haberá unha exposición de 16 razas puras, tanto galegas como procedentes doutras rexións do mundo.
A feira completarase co espectáculo de teatro na rúa “Duncan de Palleiro”, ás 12 do mediodía, e a música tradicional virá da man de Os Valuros, ata a unha e media. •
SUMILLERES PARA SABOREAR O TÚNEL DO VIÑO
• Para os que non puideron gozar dos viños de Sober na Feira de Amandi, e para os que queren quedarse cun amplo espectro dos sabores da zona, o segundo Túnel dos Viños de Amandi amosará “de xeito profesional e sen présas” os caldos de Sober durante a Feira da Rosca. Segundo explicaron os organizadores do Túnel, a idea é que os visitantes poidan catar “comodamente e asesorados por sumilleres profesionais” os viños de 30 adegas soberinas. A entrada ten un prezo de 5 euros, e inclúe unha copa cataviños. Polas mañás, o Túnel abrirá de 11,30 a 14,30 horas o sábado e o domingo, e na tarde do sábado de 17 a 19,30 horas. Ademais, o Túnel acompañarase dun cortador profesional de xamóns, instalado nun stand con produtos de Torre de Núñez. •