•O organismo provincial aportará 250.000 euros, e o Concello preto de 165.000
A finais de xullo, tivo lugar a sinatura do convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e o Concello de Monforte, para financiar diversas melloras nun total de 24 rúas da cidade do Cabe. No acto, participaron o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, que explicaron os detalles do convenio e o destino que se lle vai dar aos case 415.000 euros asinados.
«MELLORAR A CALIDADE DE VIDA» DOS VECIÑOS
O convenio especifica que o organismo provincial realizará unha achega de 250.000 euros, mentres que a aportación municipal rondará os 165.000. «Este novo investimento enmárcase na nosa aposta pola mellora de servizos públicos municipais na provincia», precisou Campos, que salientou a vontade do Executivo provincial de que estas achegas «melloren a calidade de vida dos máis de 300.000 veciños da provincia». No caso das obras que se van financiar en Monforte, Darío Campos destacou que non só van beneficiar aos máis de 18.000 veciños do municipio, senón tamén aos «centos de persoas que empregan varias destas estradas como vías de paso».
Pola súa banda, Tomé agradeceu a «constante colaboración» do Goberno provincial cos veciños de Monforte.
ZONAS BENEFICIADAS
O mandatario provincial destacou a importancia destas obras, xa que inclúen viais de gran importancia nas comunicacións da cidade, e tamén rúas con importante actividade no sector servizos.
As actuacións previstas en Monforte inclúen, por unha banda, a mellora das rúas Carlos Casares, Avelino Cachafeiro, Jacinto Benavente, Juan Ramón Jiménez, Rosalía de Castro, Ramón y Cajal, Padre Feijóo, Juan Montes e Miguel de Cervantes, todas elas de titularidade municipal. Por outra banda, procederase á renovación do pavimento e da sinalización horizontal nas rúas Conde Froila Díaz, Pero de Veer, Pantón, do Río, Courel e Ribas de Sil, Conde Diego de Lemos e Ourense, esta dende o cruce coa rúa do Río e a rotonda da LU-664. Por último, renovarase o firme nas rúas Abeledos, Corredoira, Veiguiña, Ferrol, San Lázaro e Pinguela.•