Presentan en Monforte unha nova edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural

• A iniciativa de Turismo de Galicia vai xa pola edición número doce • Poderanse desfrutar de 172 menús diferentes en 86 casas de turismo rural do 14 de setembro ao 16 de decembro

A presentación do 12º Outono Gastronómico de Turismo Rural contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; e o alcalde de Monforte, José Tomé, o 27 de agosto. GPXG
Co remate da tempada de verán, póñense en marcha diversas iniciativas institucionais para promover a afluencia de visitantes nas diversas zonas do territorio. Un ano máis, Turismo de Galicia activa o Outono Gastronómico en Turismo Rural, unha experiencia que acumula xa máis dunha década centrando a atención nos produtos e gastronomía de outono, ao tempo que se invita a gozar da natureza e da paisaxe rural.
19 CASAS RURAIS DA PROVINCIA DE LUGO NESTA EDICIÓN
A Xunta elixiu Monforte de Lemos para presentar a edición número 12 deste programa, no que participan 86 establecementos de toda Galicia, que proporán ata 172 menús diferentes baseados en produtos de tempada. O Outono Gastronómico en Turismo Rural reúne a 19 casas rurais lucenses e outras tantas ourensás, así como 23 establecementos da provincia da Coruña e 25 da de Pontevedra.
SORTEO DE 10 FINS DE SEMANA POR SUBIR AO FACEBOOK FOTOS CO AUTOBÚS DA CAMPAÑA
O autobús promocional da campaña está a percorrer as principais cidades de Galicia, para dar a coñecer as diversas combinacións de lecer culinario e estadías que ofrece o Outono Gastronómico en Turismo Rural. O autobús xa estivo en A Coruña e Vigo, e despois de Monforte fixo parada en Ourense, Pontevedra, Combarro e Santiago de Compostela.
Vinculada a esta promoción, está en marcha un sorteo de 10 fins de semana Outono Gastronómico para dúas persoas, no que poderán participar todas aquelas persoas que tomaran unha fotografía diante do autobús e a subiran ao Facebook de Turismo de Galicia.
PAQUETES PARA TODOS OS GUSTOS
O Outono Gastronómico estará en marcha todas as fins de semana dende o 14 de setembro ata o 16 de decembro, agás  do 12 ao 14 de outubro, e do 7 ao 9 de decembro. O programa ofrece diversas opcións con prezos moi competitivos, que inclúen só gastronomía, como o Menú Outono Gastronómico, ou combinado con estancia en casa rural. Nesta modalidade, atópase o Paquete Outono Gastronómico, co menú especial e pernoita en casa rural con almorzo. A opción Fin de Semana Outono Gastronómico inclúe dous menús por persoa e aloxamento de venres a sábado. Por último, a Fin de Semana Familiar Outono Gastronómico ofrece menús e aloxamento.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Deputación presentou o programa «DesenvolvendORural», o primeiro plan de desenvolvemento integral da provincia

Seguinte Nova

O colexio de Pantón contará este curso cun novo ascensor

Últimas noticias sobre EVENTOS

A %d blogueros les gusta esto: