Artesanía, costumes e memoria: outro xeito de mirar o Camiño dende Sarria

• A exposición Artistas e Artesáns da Comarca de Sarria no Camiño cumpre nove anos, facendo desta etapa un encontro singular entre os pobos e as súas xentes

José Javier Rodríguez Ros, peregrino procedente de Estella, atopou na mostra de Sarria unha lembranza da súa infancia, vinculada aos seus primeiros recordos do Camiño. EC

Para completar un bo Camiño, tan importante é andar como facer parada. En Sarria saben ofrecer a mellor das acollidas, porque os camiñantes non só buscan descanso físico, senón tamén deterse a mirar e comprender algo máis da experiencia que están a vivir. A atención ao peregrino é unha das funcións da Asociación Amigos do Camiño de Santiago da Comarca de Sarria, que leva 10 anos activando a vila xacobea para que sexa un lugar significativo no caderno de bitácora dos visitantes. A Asociación tivo o acerto de escoller a artesanía local como agasallo de benvida, poñendo en marcha hai 9 anos a Exposición de Artistas e Artesáns da Comarca de Sarria no Camiño. No edificio da antiga Prisión Comarcal, a pé da ruta, máis de 70 artistas amosan varios centos de obras como testemuña etnográfica e creativa do que son estas terras e as súas xentes.

Este ano, a mostra de Sarria conta coa colaboración da Asociación de Amigos del Camino de Santiago de Uclés. O colectivo aportou 150 pezas auténticas de sinalización, elaboradas con materiais sostibles. EC

Pero esta mostra non é só unha colección de pezas elaboradas na comarca. A exposición vén a marcar un punto de inflexión, posto que xa son varios os artistas que están a producir obra expresamente para este evento, enfocando a atención sobre a materia do Camiño. A igrexa do Cebreiro inspirou o cadro de Carmen Castro, que pode verse na mostra xunto á maqueta en construción do mesmo templo, obra de Luis Arias. Imaxes da Sarria vella e localizacións xacobeas centran a obra recente de Begoña Yebra e de Finxo. A mostra tamén estimula a creación nos máis novos, como Lorena, que con 11 anos xa asumiu o reto de pintar un cadro para cada edición.

A afluencia de visitantes á IX Exposición Artistas e Artesáns da Comarca de Sarria no Camiño estase a manter nas mesmas cifras que o ano pasado, cando recibiu a preto de 10.000 peregrinos de máis de 27 países. EC

Ademais de arte, a mostra de Sarria contén elementos etnográficos que axudan a coñecer o espírito desta terra. A bicicleta do pan cedida polo Museo Panadería Pallares trae lembranzas locais dun tempo que fuxiu. Pero esta memoria vai máis aló das fronteiras do territorio. A motocicleta Velosolex, cedida por Gerardo Núñez, foi a peza clave da mostra para José Javier Rodríguez Ros. Este peregrino navarro de 65 anos non puido conter a emoción ao atopar na sala unha moto igual á que usaban os peregrinos franceses que, cando era neno, vía pasar por diante da súa casa natal en Estella. “Esta moto é a miña primeira imaxe do Camiño”, explicou mentres contemplaba a peza con agarimo. A José Javier, que tivo que esperar á xubilación para completar a ruta xacobea, sorprendeulle a exposición, “non hai ningunha así”. A parada en Sarria foi para este navarro un encontro coa memoria da súa infancia, e un símbolo da viaxe interior que sempre regala o Camiño. •

Na exposición hai pezas aportadas pola Asociación del Camino de Santiago de Ávila. EC

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Apoio da Deputación para a organización de 10 concertos da Sociedade Filarmónica de Monforte

Seguinte Nova

O Concello de Monforte destinará máis de 396.000 euros de remanentes a seis proxectos

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: