Olalla Rodil, deputada do BNG no Parlamento de Galicia, mantivo na Pobra do Brollón un encontro co alcalde, Xosé Luis Maceda, para coñecer as necesidades da atención aos maiores. «O caso da Pobra do Brollón é espello do que ocorre en moitos municipios do interior», denunciou, criticando «o desamparo dos concellos, obrigados a asumir competencias que non lle son propias porque o Goberno do PP déixaos totalmente abandonados». Pola súa banda, Maceda alertou de que os pequenos concellos «están ao borde do colapso en atención social». O rexedor da Pobra afirmou que os recursos municipais «son limitados», e ante isto «a Xunta mira para outro lado». «As residencias están saturadas, os concellos non temos capacidade para atender a máis dependentes nas súas vivendas», salientou Maceda, advertindo de que se están a dar «verdadeiras situacións límite».
Rodil afirmou que o BNG esixirá nos Orzamentos da Xunta de 2019 máis partidas e equipamentos para garantir prazas suficientes en residencias de maiores. •