Desbroces urbanos e traslado do sumidoiro da rúa Cardeal, entre as peticións de Tomé ao novo presidente da Confederación Hidrográfica

A primeira reunión do alcalde de Monforte co novo presidente da CHMS tivo lugar o 27 de setembro. GPCM
Monforte buscará a «colaboración e o apoio» da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para levar adiante novos proxectos. Así o manifestou o alcalde, José Tomé, ao novo presidente da Confederación, José Antonio Quiroga, na que foi a primeira reunión entre ambos mandatarios, celebrada o 27 de setembro.
TRASLADAR O ALIVIADOIRO DO PARQUE DOS CONDES ATA MÁIS ALÓ DA PRESA
Na xuntanza de dúas horas de duración, Tomé elevou ao responsable do Organismo de
Conca un paquete de cinco cuestións «de interese para o Concello». O alcalde de Monforte planteou a José Antonio Quiroga o cambio de ubicación do aliviadoiro do colector da rúa Cardeal. Este proxecto, no que o rexedor ten especial interese, implicaría cambiar o punto de saída dos residuos xerados por chuvias abundantes. Na actualidade, o colector verte á altura do Parque dos Condes, e o plan do Goberno local é levar esta boca a un punto posterior á presa.
QUITAR A MALEZA DOS REGATOS DENTRO DO CASCO URBANO
Segundo precisaron dende o Consistorio, José Tomé tamén incidiu na proposta de desbrozar as marxes dos regatos que hai no casco urbano, co fin de eliminar a maleza acumulada e mellorar a estética da contorna.
A reunión permitiu tratar outros puntos de interese, como a presa da Pinguela e o acondicionamento da lagoa, así como a mellora ou ampliación da depuradora de Piñeira. Ademais, Tomé propuxo a Quiroga ampliar o proxecto de mellora da rede de saneamento, en fase de redacción.
Pola súa banda, José Antonio Quiroga comprometeuse a coñecer in situ os proxectos presentados, e «ir dando solucións» ás cuestións prioritarias, ademais de instar á Consellería de Medio Ambiente para que faga efectiva a súa participación no convenio xa asinado coa Deputación, o Concello e a propia Confederación. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Comezaron os arranxos de 10 quilómetros en dúas estradas provinciais do Saviñao

Seguinte Nova

A Ribeira Sacra, escenario en Galicia da celebración do Día Mundial do Turismo

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: