O Concello de Monforte destinará máis de 396.000 euros de remanentes a seis proxectos

• O alcalde defendeu a «boa xestión económica» do seu Goberno, ao rematar 2017 cun superávit de máis de 2 millóns

O alcalde, José Tomé, e o concelleiro de Servizos, José Luis Losada, explicaron os proxectos nos que se vai investir parte do superávit municipal. GPCM

O Concello de Monforte vai emprender novos proxectos de mellora, vinculados ao medio ambiente, alumeado e estradas, con fondos procedentes do superávit municipal. O alcalde, José Tomé, explicou os detalles dos proxectos que serían aprobados no Pleno de setembro co apoio de Espertamonforte. O requisito plenario ten que ver coa financiación destas medidas, xa que irían a cargo dunha parte do superávit municipal.

Tomé precisou que o montante dos seis proxectos previstos rondaría os 396.000 euros. Esta  cantidade procedería do superávit de 2.194.188 euros que o Concello rexistrou ao peche de 2017, dato que serviu ao rexedor local para defender a súa labor no Consistorio. «O equipo de Goberno vén desenvolvendo unha boa xestión económica», argumentou, xa que «pasamos dunha situación equilibrada a un importante nivel de superávit, con case 7.400.000 euros de remanentes a 31 de decembro de 2017».
En canto aos proxectos aprobados, a partida máis abultada corresponde aos 239.000 euros que custará o selado do vertedoiro de inertes que hai detrás da antiga Cerámica do Castelo. Outra actuación importante será a renovación do alumeado público do Morín entre Doctor Casares e Ribas Altas, cun presuposto de 153.000 euros. Tamén se vai mellorar a iluminación no estacionamento do Parque dos Condes, o paseo fluvial ata Cobas, e a Praza Luis de Góngora, cun investimento conxunto de 60.000 euros.
Dentro do paquete aprobado, está a mellora da estrada de Piñeira, dende a N-120 ata a ponte da Barxela, cunha dotación de 43.300 euros. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Artesanía, costumes e memoria: outro xeito de mirar o Camiño dende Sarria

Seguinte Nova

Traballo e lecer en torno á vendima na Ribeira Sacra

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: