Un cento de propietarios entran no proxecto de recuperación de soutos en Folgoso

• Suman máis de 9.500 castiñeiros en 80 hectáreas • O proxecto de mobilización de terras conta con máis de 490.000 euros da Xunta

A alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, explica ao conselleiro de Medio Rural, José González, a zona na que se vai desenvolver o proxecto de mobilización de terras para aproveitamento de soutos tradicionais. GPXG
As iniciativas para recuperar terras en desuso están a protagonizar varios proxectos no sur lucense. Na zona do Courel, a Consellería do Medio Rural vén de impulsar a recuperación de soutos tradicionais, coa implicación de 100 propietarios. O conselleiro, José González, achegouse ata Folgoso a finais de outubro, para coñecer en directo as características dos terreos.
EN MOREDA E FOLGOSO, COA IDEA DE REMATAR O VINDEIRO ANO
O proxecto de mobilización de terras no Courel contan cunha partida da Xunta de máis de 490.000 euros, coa idea de poñer en valor parcelas que están sen usar. Neste caso, trátasa dunha superficie de 80 hectáreas en total, repartidas entre Moreda e Folgoso, e que suman máis de 9.500 castiñeiros. Segundo precisaron dende Medio Rural, o proxecto comezou hai meses, cando se levou a cabo a identificación das parcelas e dos seus propietarios. Neste momento, estanse a desenvolver os primeiros traballos da segunda fase, na que se van mellorar as pistas de acceso aos soutos, e o rozado das parcelas. Dende a Consellería adiantaron que o proxecto de mobilización e recuperación destes terreos en Folgoso estará completado o vindeiro ano. En 2019, procederase ás derradeiras operacións, que consistirán na poda das árbores e a mellora sanitaria das plantas.
Na súa visita a Folgoso, González interesouse tamén polo estado da colleita, que vai retrasada. O conselleiro quixo saber de primeira man as consecuencias dos recentes problemas da castaña debidos á seca, ás recentes nevaradas e á acción da avespiña. Neste último caso, o conselleiro adiantou que a Xunta vai incrementar a loita biolóxica contra este parásito, polo que se duplicará a solta dun parásito que anula a reprodución do causante da praga. •

700 quilos de produto para celebrar a XXXI Festa da Castaña de Folgoso do Courel

Veciños, visitantes e autoridades desfrutaron da natureza e das tradicións na XXXI Festa da Castaña de Folgoso. GPXG

O sábado 3 de novembro, tivo lugar unha das citas gastronómicas máis significativas do outono lucense. A XXXI Festa da Castaña de Folgoso do Courel reuniu a numeroso público nun ambiente lúdico no que se puideron degustar 700 quilos de castañas asadas, nunha xornada que pon en valor este produto amparado pola Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia.
MÚSICA E GASTRONOMÍA
A música dos Cantores do Courel amenizou a mañá no Souto da Carroza, ata a lectura do pregón á unha da tarde, a cargo do chef Miguel González Quintela. A contorna da festa acolleu postos de artesanía e produtos locais todo o día. Pola tarde, a música veu da man de charangas e do grupo Carta de Ajuste, para rematar cunha verbena.•

• Completada a verificación dos castiñeiros autóctonos

• Comprobáronse 797 plantas situadas en 21 viveiros de producción

O etiquetado dá constancia da comprobación das especies autóctonas. GPXG

Recentemente, vén de completarse a campaña de verificación de castiñeiros autóctono,  desenvolvida pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria (Agacal). Durante esta operación, verificouse a identidade varietal de 797 plantas nai de 21 viveiros produtores.
Dende a Consellería explicaron que a técnica empregada consistiu na comparación do ADN de cada mostra cos datos xenéticos rexistrados no arquivo que concentra as variedades tradicionais do castiñeiro rexistradas no Centro de Investigación Forestal de Lourizán.
Das probas realizadas, constátase que as variedades de castiñeiro máis frecuentes nos viveiros galegos son a famosa, anarelante, negral e de parede, cunhas porcentaxes entre o 12,15% e o 20,07%.
Dende a Consellería do Medio Rural destacaron a importancia desta verificación para poder determinar novos soutos, e tamén de cara ás garantías para os silvicultores, propietarios forestais e agrícolas. •

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Piden que o Sergas mellore a atención ás mulleres con endometriose

Seguinte Nova

O bono social eléctrico da Xunta quere chegar a máis familias

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: