• A explotación de María Sira González, en Sarria, e a granxa chantadina de Concepción Torres integraron a lista dos 20 gañadores
Na entrega dos II Premios Exceleite, que tivo lugar en Vilalba o 6 de novembro, participou o conselleiro do Medio Rural, José González, e a que fora a súa antecesora no cargo, Ángeles Vázquez, agora á fronte da Consellería de Medio Ambiente. González gabou «o traballo e a seriedade» dos gandeiros, que fixeron do sector lácteo «o buque insignia do rural galego», convertindo a Galicia no «líder indiscutible»en España. Este liderato explícase, segundo o conselleiro, polo volume de produción e pola calidade do produto. González lembrou que, nos primeiros nove meses do ano, os ingresos dos gandeiros galegos medraron un 6%, ata lograr máis de 639 millóns de euros en termos xerais. O conselleiro salientou que a calidade do leite galego vén dada polo mantemento do bo status sanitario da cabana gandeira e o benestar animal.
En relación coa excelencia do sector lácteo, José González puxo en valor «o papel protagonista das mulleres e dos mozos nestes premios Exceleite», dato importante porque dá proba, segundo o conselleiro, de que se está a producir unha remuda xeracional no mundo do agro.•
•Tirón do vacún de carne: o sector deu emprego a 1 de cada 4 mozos incorporados ao agro en 2017
O sector de carne de vacún consolídase como un eixo importante da economía galega. Ademais do seu peso no mercado, o sector está a atraer a unha nova xeración de gandeiros, que apostan polo agro como vía profesional e proxecto de futuro. Así o expresou o conselleiro do Medio Rural na xornada técnica sobre as Indicacións Xeográficas Protexidas Vaca Galega, Boi Galega, e do selo de calidade Ternera Gallega, celebrada en Lugo a finais de outubro. González demostrou o tirón do sector botando man dos últimos datos de incorporación da mocidade ao rural. O ano pasado, 1 de cada 4 mozos que optaron polo agro como saída laboral, escolleron o sector de vacún de carne. Estes 120 mozos e mozas puideron beneficiarse de preto de 3,6 millóns de euros en axudas, o que supuxo o 24,5% das subvencións que a Xunta outorgou á incorporación da mocidade á actividade agraria.
José González salientou o bo momento da produción cárnica de vacún galega, cun 15% do total nacional, no segundo posto en número de cabezas de gando. En canto á carne de calidade certificada, Ternera Gallega é líder en España, con máis da metada da produción nacional protexida. •