340.000 euros da Deputación para arranxar 2 quilómetros na estrada entre San Xiao e Carracedo

O presidente da Deputación, Darío Campos, supervisou os traballos en Láncara, co deputado Pablo Rivera, o 7 de novembro. GPDL
A Deputación está a desenvolver traballos de mellora en dous quilómetros da LU-P-2703, para os que destinou unha partida de 340.000 euros. O presidente do organismo provincial, Darío Campos, achegouse a Láncara para supervisar o avance das obras, que se desenvolven dende A Pobra de San Xiao a Carracedo.
ESTRADA COMPLETAMENTE RENOVADA CUN TOTAL DE 1,1 MILLÓNS
O titular da Deputación, que estivo acompañado polo deputado Pablo Rivera, destacou que os traballos que leva a cabo o Executivo provincial completan os que xa se fixeron con anterioridade neste mesmo vial. En concreto, Campos explicou que a Deputación ten investido 800.000 euros no acondicionamento dos primeiros seis quilómetros e medio. Deste xeito, a estrada LU-P-2703 quedará completamente renovada, logo de investir un total de 1,1 millóns de euros.
Campos salientou tamén a utilidade destes traballos, que beneficiarán «directamente» aos máis de 1.000 veciños que residen nos núcleos de A Pobra e Carracedo. «É unha estrada que soporta unha grande cantidade de tráfico rodado», precisou o mandatario provincial.
VIAL «ESTRATÉXICO» PARA LÁNCARA
Pola súa banda, dende o Consistorio, o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, valorou o «esforzo» da Deputación «por mellorar a calidade de vida de todos e cada un dos lancareses». Ademais, Piñeiro incidiu na importancia do arranxo deste vial, «estratéxico para o noso municipio».
Neste sentido, Piñeiro aproveitou para criticar á Xunta polos «os máis de 25 anos de loita e espera» para acometer o arranxo íntegro da estrada LU-621, de titularidade autonómica. O rexedor destacou a importancia deste vial por ser o outro enlace de Láncara coa Pobra de San Xiao. «Por fin, os lancareses teremos unhas infraestruturas seguras e de primeiro nivel», salientou .•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

En marcha 5 obradoiros de emprego da Xunta na zona sur

Seguinte Nova

A Biblioteca de Sober, premiada pola súa programación anual

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: