
A Consellería de Cultura e Turismo licita estas obras, coas que se vai mellorar de xeito integral o edificio. O proxecto inclúe a recuperación de cubertas e carpintería para evitar filtracións, a redución da humidade, o illamento térmico e a renovación completa da instalación eléctrica, así como tratamentos específicos en puntos con máis deterioro. As obras tamén van completar elementos que quedaron pendentes no seu día, como as escaleiras que dan ao campanario. Así mesmo, levaranse a cabo tarefas de estética urbana, coa eliminación do cableado exterior e outros elementos vinculados á fachada.
A igrexa da Cruz do Incio foi deseñada por José Luis Fernández del Amo, unha das figuras máis representativas da nova arquitectura española do século XX. Ademais do edificio, del Amo tamén deseñou os elementos interiores e mobiliario. O templo conta con pezas do escultor José Luis Sánchez Fernández Pepus, e dos vidreiro José Luis Gómez Perales e os irmáns Atienza. •