
A contorna da Praia Fluvial de San Clodio conta cun mellor servizo para veciños e visitantes. A Deputación e o Concello de Ribas de Sil veñen de renovar o parque infantil, cunha inversión de 26.500 euros, dos que 10.000 foron aportados polo organismo provincial. As melloras incluíron a colocación de novos elementos de xogo e pezas de mobiliario urbano. Así mesmo, recuperouse o terreo mediante a colocación de céspede, e instalouse un novo peche perimetral e paneis informativos.
VARIAS MELLORAS PARA REVITALIZAR A ZONA NOS ÚLTIMOS ANOS
Esta reforma vén sumarse ás que se levan realizando nos últimos anos neste espazo, un dos lugares do municipio máis atractivos para os visitantes. Nos últimos anos, a Deputación colaborou co Concello na instalación de dous rocódromos.
Ademais, na capitalidade municipal o organismo provincial destinou case 70.000 euros en 2015 para acondicionar o parque infantil da Praza do Ladrillo.•