O Concello de Quiroga segue a traballar na tramitación para a posta en marcha do Centro de Día da Ribeira. A comisión de estudo deste proxecto, presidida pola tenente de alcalde, Ana Núñez, reuniuse este mes para decidir sobre a xestión deste servizo, que se encargará a unha entidade externa mediante concurso público. Así mesmo, a comisión xa traballa na elaboración do regulamento interno, para continuar coa redacción das bases do concurso de licitación.
EDIFICIO POLIVALENTE DA RIBEIRA
As instalacións do Centro de Día da Ribeira quedaron completadas a pasada primavera. Este servizo, que disporá de 25 prazas, ocupa a primeira planta do edificio de usos múltiples da Ribeira, que tamén acolle o centro social na planta baixa. Ademais, dende o Concello prevén que se poida adicar a segunda planta como lugar de acollida temporal para persoas en risco de exclusión social. •