• O plan DIMO IV, impulsado por APEHL, conta cunha achega da Xunta de 250.000 euros
O 26 de novembro, comezou o programa integrado de emprego DIMO IV, que promove a Asociación de Empresarios de Turismo e Hostelería de Lugo (APEHL), cunha colaboración económica de 250.000 euros da Xunta. No programa participan 100 persoas desempregadas, que reciben durante un ano asesoramento profesional e formación. A iniciativa vai dirixida, sobre todo, a parados pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, e a persoas que, sen estar nesta circunstancia, carecen de competencias persoais ou profesionais para acadar emprego.
Dende a APEHL e a Xunta destacaron que este programa ten un compromiso de inserción profesional do 30%, preto do 40% que están a rexistrar os plans de emprego do Executivo autonómico. Deste xeito, un mínimo de 30 persoas do DIMO IV farán práticas laborais durante tres meses en empresas vinculadas ao programa ou á APEHL.
Ademais de asesoramento personalizado, o programa ofrece formación en competencias comúns do sector hosteleiro, incidindo nos perfís máis demandados. O programa outorga o certificado de profesionalidade como Axudante de Restaurante-Bar. •