
O 12 de decembro, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, anunciou que a Xunta vai iniciar os trámites para declarar ao edificio de Nosa Señora da Antigua, de Monforte de Lemos, como Ben de Interese Cultural. A tramitación estará a cargo da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
Segundo precisaron dende a Consellería, a declaración abranguerá ao conxunto monumental que inclúe o colexio dos pais Escolapios, edificio que destaca pola súa fachada renacentista. Ademais, integrará a igrexa de Nosa Señora da Antigua, o claustro e o museo. Dentro da igrexa, cómpre destacar o retablo maior, obra de Francisco de Moure, de comezos do século XVII, así como a estatua fundida en bronce do cardeal Rodrigo de Castro, realizada por Juan de Bolonia.
O valor histórico-artístico deste conxunto complétase con dous óleos de El Greco e cinco táboas de Andrea del Sarto, que se conservan no museo, situado na antiga sacristía.•