•O Concello asinou un convenio coa SGAE para cubrir cunha tarifa plana a xestión de dereitos de autor das festas do municipio
O Concello de Sober é pioneiro na comarca de Lemos en materia de dereitos de autor. A mediados deste mes, o alcalde, Luis Fernández Guitián, asinou un convenio co director da Sociedad General de Autores y Editores (SGAE) no Noroeste, Miguel Diéguez Díaz, para cubrir cunha tarifa plana a xestión dos dereitos de autor de todas as festas populares do municipio. “Anualmente, son entre 15 e 20 os festexos deste tipo que se celebran en Sober”, explicou o alcalde, quen destacou “o importante aforro que suporá este convenio, tanto en xestión burocrática como en orzamento”.
Diéguez precisou que, con esta medida, “Sober poderá celebrar cantos eventos desexe por unha cifra preestablecida, que cobre verbenas, romarías e bailes”. Esta tarifa plana estableceuna a SGAE para os municipios de menos de 3.000 habitantes. Guitián recomendou a outros municipios da rexión que se sumen a este plan, para aforrar e regularizar a celebración das festas populares “dentro da legalidade”.
Toda entidade que organice un evento no que se interprete repertorio musical protexido debe aboar os dereitos de autor correspondentes, segundo a Lei de Propiedade Intelectual. •