
A Pobra do Brollón estase a converter nun referente en canto á dinamización sociocultural. A iniciativa das Visitas Outonizas, nas que os propios veciños fan de guías dos visitantes polos recursos turísticos e culturais, foi todo un éxito. «O balance é positivísimo», explicou o alcalde, Xosé Lois Maceda, sinalando que o valor deste programa de andainas comentadas é «crear comunidade de xente que aposta polo desenvolvemento da cultura e do turismo». A particularidade está en que a idea «xurdiu de abaixo arriba, contando con Concello para desenvolvelos». O segredo, segundo Maceda, está en que «a xente se implica, por iso funcionan». De feito, as sete Visitas Outonizas rexistraron unha media de 50 persoas por día.
A cultura e o turismo contaron con máis accións neste últimos meses. O Ciclo de Cinema Galego congregou a preto de medio cento de persoas en cada proxección. Nos Cantos de Taberna, participaron 15 formacións, boa parte delas chegadas de Lugo, Coruña, Ourense, Sarria ou Trives.•