• A conselleira de Infraestruturas acordou co alcalde xestionar o traspaso de fondos, que suporían entre 9 e 12 millóns de euros
A Xunta está valorando a posibilidade de financiar a nova depuradora de Monforte con fondos Feader concedidos a Santiago, e que por cuestións administrativas non foron utilizados. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, trasladou esta solución ao alcalde de Monforte, José Tomé, na reunión mantida en Santiago o pasado 28 de decembro. Vázquez comprometeuse a levar esta proposta ao Ministerio, para dar luz verde a un financiamento que suporía entre 9 e 12 millóns de euros para Monforte. «A cantidade dependería de se hai obra nova, ou se amplía a que hai», explicou o rexedor local. Tomé apuntou que o plan ideal que manexa o Concello sería empregar estes fondos para impermeabilizar a rede, construír un tanque de tormentas e instalar unha depuradora nova. «Se non sae adiante esta posibilidade dos fondos europeos, haberá que sentarse a falar coa Xunta para financiar isto cun convenio», precisou.
REVERTIR O CANON EN OBRAS PARA MONFORTE
Tomé insistiu en Santiago sobre a necesidade de que o canon da auga que se paga en Monforte debe revertir na cidade. «En 7 anos, lévanse pagados 400.000 euros por exercicio, o que suma 2,8 millóns», salientou, ao tempo que pediu á conselleira que, alomenos o 50%, segundo a proposta da FEGAMP, revirta nas «necesarias» obras para mellorar o saneamento e a rede de auga en Monforte. •
• RITMO LENTO NAS INFRAESTRUTURAS
• Na xuntanza, a conselleira informou ao alcalde de que a Xunta está adaptando o proxecto dos accesos ao Porto Seco ás especificacións do Ministerio, coa previsión de telo rematado neste primeiro trimestre. Tomé afirmou que o Goberno local está «moi interesado» en que saia adiante esta infraestrutura, polo que «estamos facendo todo o que se pode». Ambas partes comprometéronse a impulsar as xestións co Ministerio cando se presente o documento.
En canto ás comunicacións, Tomé aproveitou para poñer sobre a mesa o desdobre da rúa de Chantada, «que se está a converter na principal vía de entrada e saída de Monforte», ao recoller o tráfico que entra polo corredor de Sarria e o de Chantada. De aí que, en palabras do rexedor, sexa preciso «darlle máis capacidade». Segundo Tomé, a conselleira advertiu da necesidade de ir pouco a pouco, comprometéndose, eso sí, a iniciar estudos técnicos informativos. •