Homenaxes ao esforzo e superación de destacados deportistas do sur de Lugo

•Recoñecemento do Concello de Monforte aos recentes logros dos taekwondistas do Neka •O Concello de Quiroga homenaxeou á xogadora de voleibol Carolina Camino, integrante da selección española cadete

Recepción no Concello de Monforte dos taekwondistas do ximnasio Neka que participaron nas últimas competicións nacionais e internacionais de 2018. GPCM

O deporte do sur de Lugo está a demostrar que existe unha canteira potente e digna de recoñecemento. En homenaxe ao seu esforzo e aos logros acadados nos últimos meses de 2018, os Concellos de Monforte e de Quiroga enxalzaron a traxectoria de varios xoves deportistas, que están a ser referencia para as novas xeracións, e un orgullo para os seus conveciños.

ÉXITOS EN COMPETICIÓNS NACIONAIS E INTERNACIONAIS PARA OS DO NEKA
En Monforte, cinco deportistas do ximnasio Neka foron recibidos na Casa Consistorial polo alcalde, José Tomé, nun acto celebrado o mércores 26 de decembro. Alejandro Losada Rodríguez e Elena Varela de Fátima veñen de acadar a décimo segunda posición absoluta no Campionato do Mundo de Taekwondo, na modalidade de técnica por parellas.
Pola súa banda, Junior Martínez Castillo logrou a medalla de bronce no Campionato de Europa de Taekwondo por Clubs, na categoría absoluta de combate. Na mesma competición, celebrada en Oropesa del Mar a comezos de decembro, a parella formada por Laura Álvarez Suárez e o taboadés Daniel Areán Grejs proclamáronse campións de España de técnica da categoría cadete.
O alcalde entregou a cada deportista unha reprodución en miniatura da Torre da Homenaxe. Tomé resaltou os resultados conseguidos por estes mozos e mozas, “froito do traballo e a constancia”. O rexedor local animou aos cinco deportistas a seguir mellorando para estar presentes, se fora posible, incluso nunha Olimpiada. O alcalde tamén gabou o labor de promoción do deporte monfortino que realiza o ximnasio Neka, na persoa do seu director, e tamén técnico da selección galega de taekwondo, José Mª Vega.

O Concello de Quiroga homenaxeou á xogadora internacional de voleibol Carolina Camino, coa entrega dun trofeo conmemorativo antes da final do Torneo de Nadal de fútbol sala, o 29 de decembro. (Fotos: RAÚL CARBALLEDO)

A INTERNACIONAL DE VOLEIBOL CAROLINA CAMINO, DA CANTEIRA DO CV RIBEIRA SACRA, HOMENAXEADA POLO CONCELLO DE QUIROGA
Dende hai anos, o voleibol está a dar moitas alegrías ao sur de Lugo. Desta volta, a proxección deportiva da quiroguesa Carolina Camino Fernández foi recoñecida polo Concello nun acto celebrado na final do Torneo de Nadal de Fútbol Sala. O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, acompañado polo concelleiro de Deportes, Andrés Novoa, fixo entrega a Carolina Camino dun trofeo en homenaxe aos seus éxitos no voleibol.
Camino iniciouse neste deporte con 6 anos, no colexio de A Rúa, e ao trasladarse a Quiroga, entrou nas Escolas Deportivas. De aí, deu o salto ao CV Ribeira Sacra, o emblemático equipo de Monforte, no que pronto destacou, ata o punto de estrearse como internacional coa selección española en agosto pasado. Na actualidade, Carolina Camino compite na posición de receptora-atacante no CAEP Soria, dentro da Superliga Feminina 2. •

A quiroguesa Carolina Camino iniciouse no volei no colexio da Rúa •A súa eclosión deportiva foi no CV Ribeira Sacra de Monforte •Con 15 anos, compite co CAEP Soria, e vén de estrearse como internacional coa selección española. (Foto: RAÚL CARBALLEDO)

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Completados os arranxos en importantes viais da rede provincial ao seu paso por Taboada, Sarria, A Pobra do Brollón e O Saviñao

Seguinte Nova

O Círculo Saviñao cumpriu 60 anos mirando ao futuro

Últimas noticias sobre DEPORTES

A %d blogueros les gusta esto: