•A celebración dos 60 anos do Círculo Saviñao xuntou tres elementos propios do seu espírito: continuidade xeracional, animación e foro de debate

O 21 de decembro de 1958 nacía en Escairón o Círculo Saviñao, unha sociedade cultural e recreativa que trataba de implementar no municipio o espírito e as tendencias de espazos similares xa en marcha en localidades de maiores dimensións.

FACER POBO A TRAVÉS DUN ESPAZO DE LECER E CULTURA
A iniciativa partiu dun grupo de xente da localidade, que quixeron crear un lugar de encontro diferente ao bar. Un espazo no que organizar bailes e tomar algo, pero no que tamén se puidera escoitar unha conferencia ou reunirse para falar nun ambiente distinto. A idea prendeu entre os veciños, e aqueles con máis capacidade económica botaron unha man para que o proxecto tomara forma. A comisión impulsora estivo presidida por Juan Bautista Dapena Eiré, e a primeira xunta directiva elixiu como presidente do Círculo Cultural Recreativo Saviñao a José Ramón Seoane Rocha.

UNHA HISTORIA ESCRITA ENTRE TODOS
Un longo camiño que se escribe cos grandes nomes dos centos de personaxes que visitaron o Círculo Saviñao nestes 60 anos de historia, para dar conferencias, presentar libros, inaugurar exposicións ou interpretar música en directo. Pero este camiño non se podería ter andado sen os pequenos grandes nomes, os dos socios e veciños, que co seu entusiasmo e apoio deron vida ao Círculo Saviñao ata hoxe. Unha institución que vive das cuotas dos socios, 160 na actualidade, sen subvencións públicas e sendo un referente de dinamización e vitalidade en todo o sur de Lugo.
Nas novas xeracións do municipio está a oportunidade de asumir esta valiosa herdanza, e dar así outros 60 anos de vida a unha institución nacida da xente e para a xente do Saviñao. •